Pestanas principais

Recupérase a Comisión de seguimento da radio municipal para presentar o novo regulamento

Venres, 05 de febreiro de 2016

[05-02-2016] Este mércores, ás 13:30 horas, tivo lugar nas dependencias do Concello unha reunión da comisión de seguimento da radio municipal para valorar a evolución de Radio Ames dende que tivo lugar o cambio de goberno. A ela acudiron representantes dos distintos partidos políticos representados no consistorio, agás Pacto por Ames, que desculpou a súa asistencia mais achegou as súas propostas por correo. Discutíronse tres puntos ao longo da reunión: por unha banda, as actuación levadas a cabo na radio dende o pasado mes de xullo, pola outra a proposta de regulamento do seu funcionamento e, por último, un adianto das principais actuacións que se levarán a cabo ao longo do 2016.

A concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, presentóulles aos grupos políticos as reformas técnicas aplicadas ao servizo de radio, ademais da desratización das instalacións levada adiante coa colaboración das concellarías de Medio Ambiente e de Obras: a ampliación da cobertura, a instalación dun enlace adicional de conexión a internet- para evitar compartir o enlace de conexión do CEIP de Barouta- e a modificación do cableado.

Intervencións que supuxeron en total un investimento de máis de 8000 euros.
Os participantes na reunión puideron coñecer a nova proposta de regulamento do funcionamento da radio, que busca garantir o status de Radio Ames como servizo público municipal. No documento apóstase pola xestión directa e pola creación dun consello asesor para canalizar a participación dos grupos políticos, da sociedade amesá e dos profesionais do sector na planificación e control deste servizo público. O regulamento abre á porta á inclusión de publicidade nas emisións radiofónicas co obxecto de dinamizar a relación co sector socioeconómico e asociativo e regula o acceso á radio por parte dos grupos municipais, dos concelleiros e concelleiras e do goberno.

Por último anunciouse un adianto das posibles actuacións que se busca levar a cabo ao longo do presente ano; entre elas, a renovación da programación de Radio Ames. Unha vez rematada a reunión os distintos grupos políticos poderán presentar as súas suxestións e críticas respecto aos puntos anteriormente citados. Tras incluír as modificacións pertinentes o novo regulamento será derivado á Secretaria e ao Intervención do Concello para, logo do seu informe, presentalo no próximo pleno ordinario.