Pestanas principais

Recta final da campaña #OsMunicipiosCooperan, na que autoridades locais de Galicia e África se unen contra a COVID19

Martes, 26 de maio de 2020

O Fondo Galego de Cooperación, do que Ames é socio e forma parte da súa Comisión Executiva, lanzou a campaña #OsMunicipiosCooperan, a cal busca poñer en valor a cooperación internacional impulsada polas deputacións e concellos socios no contexto da crise xerada pola COVID19. A iniciativa, que se encontra na súa recta final, é aberta a que participe calquera persoa ou entidade e basease nunha serie de vídeos curtos que se foron subindo aos seus perfís de Facebook e Twitter.

A campaña #OsMunicipiosCooperan, que ten por obxectivo poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento promovida polos concellos e deputacións sociais neste momento de crise global, encóntrase na súa recta final.

Nela, representantes das administracións locais sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e de países lusófonos como Mozambique, Cabo Verde, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe únense buscando reforzar a solidariedade internacional no contexto da crise xerada pola Covid-19.

Nas súas mensaxes, as e os gobernantes locais poñen en valor a cooperación para o desenvolvemento impulsada polos concellos e deputacións, que terán un papel chave na superación desta crise. Están dispoñibles  no Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación.

Asemade, estase promovendo a adhesión a un manifesto, co cal se trata de reforzar o compromiso municipalista coa cooperación ao desenvolvemento. Dito manifesto foi impulsado a nivel da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidariedad, que agrupa aos 9 Fondos existentes a nivel estatal e onde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ocupa a vicepresidencia.

A este manifesto xa se adheriu o Concello de Ames, que é socio do Fondo Galego de Cooperación e tamén forma parte da súa Comisión Executiva. Podes consultar o manifesto ao pé desta nova.

Ademais, dende o Fondo convídase a ver o último vídeo da campaña, onde representantes de Galicia, Angola, Guinea Bissau, Mozambique e Cabo Verde responden a unha serie de preguntas sobre a crise do COVID 19 e as súas implicacións a nivel local-global. Podes acceder ao vídeo premendo neste enlace. 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, dende a súa fundación en 1997 o Fondo Galego desenvolveu máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Cartel campaña #OsMunicipiosCooperan