[09-11-2012] Tal e como estaba previsto na programación do obradoiro de iniciación á calceta este venres, 9 de novembro, non se imparte esta actividade. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, organizou este curso de iniciación á calceta que se desenvolve no Pazo da Peregrina, situado en Bertamiráns, durante os venres dos meses de outubro, novembro e decembro, en horario de 18:30 h. a 20:00 horas. Debido a que houbo dous días nos que non se impartiu clase nos meses de outubro e novembro amplíanse as clases aos venres 7 e 14 de decembro.
Neste curso, no que están participando unhas 30 persoas, impártense nocións básicas sobre a arte da calceta. A profesora estalle ensinando a todos/as os/as participantes diferentes técnicas de calceta como a montaxe de puntos, os minguados e aumentos, os calados, etc. Ademais, están aprendendo a calcetar empregando varias cores. Ao final do curso os alumnos/as serán capaces de seguir modelos de revistas e páxinas web especializadas en calceta. A través desta actividade trátase de reducir o consumo e que a veciñanza amiense poida reciclar a la dunha peza de roupa que non empregan para elaborar outra peza.
Unha vez remate o curso os e as participantes poderán solicitar un espazo no Pazo da Peregrina para seguir acudindo a este lugar e practicar a calceta. Unha vez ao mes a profesora acudira ao Pazo da Peregrina para guiar o alumnado nos traballos que estean elaborando e resolver todas as dúbidas que lles formulen. Este curso estase desenvolvendo nun ambiente distendido. Durante os meses de inverno repetirase esta actividade pero no Milladoiro.




