Pestanas principais

Récord de participación na XIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames con 1.200 persoas correndo polas rúas de Bertamiráns

Domingo, 20 de outubro de 2013

[20-10-2013] A pesar da chuvia que caeu este domingo pola mañá sobre as rúas de Bertamiráns, foron moitos os/as deportistas que participaron na XIV Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. Uns 1.200 nenos/as e adultos participaron na décimo cuarta edición desta carreira popular, que reúne cada ano a moitos atletas de toda a contorna e doutras localidades de Galicia. Nesta edición os gañadores absolutos da carreira foron Sergio Piñón e Rocío Alvite. O alcalde de Ames, Santiago Amor, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída na proba absoluta. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que participou na carreira absoluta, deu o pistoletazo de saída na proba dos prebenxamíns. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as distintas clasificacións.

Gañadores/as por categoría
Este ano os gañadores absolutos da carreira foron Sergio Piñón na categoría masculina e Rocío Alvite na feminina. No segundo posto na categoría masculina quedou Rubén Caamaño e terceiro foi David Santos, mentres que na categoría feminina, Laura Mosquera foi segunda e Carla Castaño quedou terceira.

Por outra banda, na categoría promesa-sénior os gañadores foron Juan Pablo Fernández e María Mareque; na categoría xuvenil-júnior os gañadores foron Fernando Vales e Nuria Rodríguez. En canto ás categorías de veteranos, os vencedores foron Roberto Caneda e Victoria Eugenia García (veteranos 1), Ernesto Buceta e Inés Pampín (veteranos 2), José Luís Bouza e Celina Rodríguez (veteranos 3), e Emilio Gontá (veteranos 4).

Por último, nas categorías escolares os gañadores foron David Rouco e María Mato (benxamín); Daniel Mato e Noelia Iglesias (alevín); Arturo Ramos e Claudia Fernández (infantil); Adrián Vázquez e Claudia Blanco (cadete).


Unha vez rematadas todas as carreiras procedeuse á entrega de trofeos nunha carpa instalada no paseo fluvial de Bertamiráns. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o deputado provincial e alcalde de Rois, Ramón Tojo, entregáronlle os premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén aos tres primeiros da carreira absoluta, tanto na categoría masculina coma na feminina. Ademais dos premios houbo tamén un sorteo de varios agasallos.


Iniciativa solidaria
A décimo cuarta edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames tamén tivo un compoñente solidario. Nesta proba participou un rapaz con problemas físicos, que se chama Samuel, xunto co seu pai. A familia deste rapaz está levando a cabo unha campaña para recoller tapóns de plástico co obxectivo de sufragar o tratamento que precisa este rapaz. O Concello de Ames puxo varias caixas para que todos os deportistas que participaron nesta carreira puideran depositar os tapóns das botellas de avituallamento.
I Circuíto de Carreiras Populares
Desde este ano, a Carreira Pedestre de Ames forma parte do I Circuíto Provincial de Carreiras Populares posto en marcha pola Deputación da Coruña, onde se inclúen outras novas probas deportivas organizadas por diferentes concellos da provincia.

Neste circuíto poden participar todas aquelas persoas que naceran no ano 2004 (como máximo) ata maiores de 60 anos, xa que existen diferentes categorías adaptadas a cada idade. Os participantes no circuíto deben, a lo menos, correr en cinco das probas incluídas no programa provincial. Todos os corredores que remataron a carreira recibiron un punto e os primeiros 50 clasificados recibiron unha puntuación extra. O primeiro tivo 50 puntos, o segundo 49 e así, sucesivamente. O corredor que chegou no posto número 50 sumou 1 punto.


Cada ano que pasa a afluencia de deportistas é maior e nas rúas de Bertamiráns xúntanse un gran número de persoas que gozan practicando este deporte. Este ano a choiva non foi impedimento para que centos de persoas, corredores e acompañantes, se achegasen ata Bertamiráns para participar nesta proba deportiva. Ademais ao organizarse unha semana antes que a Carreira pedestre popular de Santiago de Compostela, esta proba conta cunha gran participación de atletas que veñen a Ames co fin de preparar a proba santiaguesa. Os primeiros corredores tomaron a saída ás 11:00 horas da mañá dende o paseo fluvial de Bertamiráns. Os participantes na carreira absoluta (xuvenil-júnior, promesa-sénior e veteranos 1, 2, 3 e 4) tiveron que percorrer unha distancia de 7.900 metros.

Trala proba absoluta disputáronse as carreiras escolares. Entre as 12:00 h e as 13:00 horas correron os rapaces e rapazas encadrados nas categorías pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes. A distancia que tiveron que percorrer os nenos/as variou segundo a categoría e a idade dos participantes. O control da carreira estivo a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Ademais, para manter a seguridade dos deportistas a Policía Local mantivo un dispositivo de seguridade entre as 10:00 h e as 13:00 horas, realizando cortes puntuais de tráfico en varias rúas de Bertamiráns.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Récord de participación na XIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames"