Pestanas principais

A reciclaxe centra as actividades que están desenvolvendo os nenos/as que participan na Primavera lúdica

Mércores, 04 de abril de 2012

[04-04-2012] As vacacións de Semana Santa son unhas datas que lle gustan sempre moito aos máis pequenos, pero nas que moitas veces os seus pais e nais atopan máis problemas para compaxinar o coidado destes coa vida laboral. Por iso, como cada ano, o departamento de Educación puxo en marcha a Primavera Lúdica co obxectivo de entreter os cativos/as, mentres os pais se atopan nos postos de traballo. O programa desenvólvese os días 2, 3, 4 e 9 de abril. Nesta edición da Primavera Lúdica participan arredor de 170 nenos e nenas de todo o concello repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. Este ano as actividades céntranse na reciclaxe. Os nenos e nenas empregaran material de refugallo para elaborar diferentes xoguetes. Tamén participan en xogos populares como a petanca, as carreiras de sacos, os bolos, a raiola, etc.

O programa da Primavera Lúdica asegúralles aos nenos/as horas de entretemento instrutivo e lúdico, mentres os pais/nais se atopan no seu posto de traballo, tentando facer máis doada nas datas das vacacións de Semana Santa a conciliación entre o coidado dos nenos/as e a vida laboral. Este ano na Primavera Lúdica desenvolvese un programa de obradoiros que pretende concienciar os nenos e nenas de que se poden divertir a través de xogos populares e confeccionando diferentes xoguetes con material de refugallo. Deste xeito incúlcaselles a idea de que non é necesario comprar xoguetes novos para pasar un momento divertido e que usando a imaxinación e obxectos reciclados pódense conseguir xoguetes novos.

Nesta edición da Primavera Lúdica participan arredor de 170 nenos e nenas de todo o concello repartidos entre Bertamiráns e O Milladoiro. Este programa está dirixido aos cativos e cativas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e primaria e que están empadroados no concello de Ames. Con este servizo ofértase unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permítelles ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades realízanse durante os días 2, 3, 4 e 9 de abril, en horario de 07:30 h. e as 16:00 horas.

Actividades sobre a reciclaxe

Este ano as actividades céntranse na reciclaxe. A finalidade da programación que se está desenvolvendo este ano é que os nenos/as aprendan a reutilizar materiais, ao mesmo tempo que cultivan a súa mente e imaxinación ao crear todo tipo de obxectos con materiais que consideran inútiles. Deste xeito, aprenderán a reciclar a partir da súa propia experiencia. Os monitores serán os encargados de explicarlle aos nenos/as a importancia da reciclaxe. É preciso que os rapaces e rapazas comprendan que a reciclaxe existe para evitar a destrución do medio. Os monitores explicáronlles que para fabricar unha tonelada de papel é necesario utilizar entre 10 e 15 árbores, enerxía eléctrica e unha gran cantidade de auga. En cambio, ao reciclar o papel redúcese a tala de árbores, afórrase enerxía eléctrica e auga.

Os nenos e nenas coñecerán a regra das catro erres Reducir, Reutilizar, Reciclar e Recuperar (reducir a cantidade de lixo, fomentar a reutilización de envases e bolsas, reciclar materiais como o plástico, e recuperar materiais para volver utilizalos). Algúns destes conceptos aprenderanos nos obradoiros que desenvolverán. Os rapaces e rapazas participaron no xogo de tres en raia utilizando tapóns de botellas. Empregando material de refugallo tamén elaboraron un paxaro a partir dunha pataca que tiveron que decorar. Outras actividades que desenvolveron foron a elaboración dun peixe con ramas de árbores e a elaboración dun mural pintando coas mans varias cartolinas.


Xogos populares

Outras das actividades nas que participan os rapaces e rapazas son os xogos populares e tradicionais. A cultura do xogo na rúa ensina a respectar normas, a organizarse á marxe da autoridade do adulto, a respectar quendas, a ter amigos/as, etc. Hoxe en día estes xogos seguen sendo tan válidos como antes. O desenvolvemento dos xogos populares está aberto para que cada neno/a achegue os xogos tradicionais que coñecen e os mostren ao resto dos seus compañeiros/as. Durante a Primavera Lúdica os rapaces e rapazas participarán en diferentes xogos populares como son a petanca, as carreiras de sacos, tirar da corda, os bolos, o xogo da ra, a raiola, os aros, o circuíto de chapas e o circuíto das canicas.

Cada día os nenos e nenas participarán por equipos en tres xogos diferentes. Realizarase unha competición na que cada equipo irá sumando puntos dependendo da posición na que quede en cada un dos xogos. O último día o equipo gañador levará un premio como recompensa. Os nenos e nenas tamén teñen tempo para o xogo libre, entendo por iso a posibilidade de que os rapaces e rapazas xoguen de xeito individual ou en grupo a un xogo ou deporte que eles mesmos elixen.

En Bertamiráns participan arredor de 70 nenos e nenas. As actividades desenvólvense para todos os cativos/as e durante todos os horarios no CEIP A Maía. No Milladoiro participan na Primavera Lúdica arredor de 100 nenos e nenas, divididos entre a Escola Infantil (onde se atopan os nenos e nenas entre tres e cinco anos) e a Casa da Cultura e pavillón polideportivo (nestas dependencias están os nenos/as de entre 6 e 12 anos).



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los pequeños amienses no tiran nada"