[16-09-2016] O amesán, Borja Golán, foi recibido no salón de Pleno da Casa do Concello de Bertamiráns. O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, xunto a varios membros do goberno e outros concelleiros da corporación municipal, recibiron ao recentemente gañador do campionato de Europa absoluto de squash. O xogador amesán estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, así como Manuel Cornes e Jesús Souto do club de squash Santiago con sede no Milladoiro. Ademais, fíxose unha recepción a varios rapaces e rapazas deste club de squash que participan esta fin de semana no campionato de España sub 13/17.
Neste acto institucional participaron o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, o presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, así como Manuel Cornes e Jesús Souto, do club de squash Santiago con sede no Milladoiro. Todos eles déronlle os parabéns a Borja Golán, recentemente gañador do campionato de Europa absoluto de squash.
Ademais, a esta recepción acudiron trece rapaces e rapazas do club squash de Santiago, con sede no Milladoiro, amantes e practicantes deste deporte. Cinco deles viven en Ames: Alán Souto, Inca Souto, Laura Valencia, Luís Carreira e Fernando Ferrer. Dous deles, Alán e Inca Souto, participan esta fin de semana no campionato de España sub 13/17 de squash, que se desenvolve nas instalacións do Milladoiro do club squash Santiago. Xunto con eles participarán Martina Flores, Alfonso Pérez e Nicolás Díaz.
José Miñones explicou que “no mes de abril o Concello de Ames xa lle fixo unha recepción oficial a Borja Golán en recoñecemento a toda a súa traxectoria profesional e polo décimo cuarto campionato de España conseguido este ano. Parece que esa recepción lle dou sorte porque aquí o temos novamente como campión de Europa. Parabéns Borja por ser o primeiro xogador español en conseguir un campionato europeo e tamén temos que darche as gracias por levar o nome do teu concello, de Ames, e de Galicia por toda Europa e polo mundo adiante”.
O rexedor municipal tamén destacou que neste caso se fixo esta recepción de forma conxunta cos rapaces e rapazas do club de squash Santiago para felicitalos polos éxitos conseguidos e desexarlles sorte para esta nova temporada. “Dende o goberno municipal estamos realizando unha serie de recepcións aos clubs e deportistas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos”. As autoridades municipais entregáronlle un pin do Concello de Ames tanto a Borja Golán como aos rapaces e rapazas do club de squash Santiago con sede no Milladoiro.
Primeiro español en proclamarse campión de Europa
Borja Golán, actual número 16 do mundo, converteuse no primeiro español que se proclama campión de Europa de squash tras superar ao francés Gregory Gaultier, número 2 e vixente campión do mundo, na final do torneo disputado a pasada fin de semana en Praga. Para chegar ao partido decisivo, o amesán, cabeza de serie número 4, superou aos checos David Zeman e Martin Svec, ao austríaco Aqeel Rehman e ao alemán Raphael Kandra. Nunha intensa final, Borja Golán, impúxose a Gaultier por 3-2 con parciais de 10-12, 11-7, 11-4, 3-11 e 11-9.
O xogador amesán amosouse moi ledo por participar neste acto de recepción xunto aos nenos e nenas do club de squash Santiago “porque son o futuro deste deporte”. Sobre o campionato de Europa dixo “que fora un torneo moi duro porque alí estaban varios dos xogadores que están entre os dez mellores do mundo”. Borja Golán despois de chegar tres veces á final do Europeo de squash, e en todas elas terse que conformar coa prata, o sábado pasado fixo historia gañándolle ao francés Gregory Gaultier, que só lle ganara unha vez en case trinta enfrontamentos. Sobre o partido da final, o xogador amesán, indicou que “sempre hai que saír a pista con mentalidade ganadora e neste caso tiven a sorte de ganarlle ao actual campión do mundo”.




