[22-04-2016] O amesán, Borja Golán, foi recibido esta mañá no salón de Pleno da Casa do Concello de Bertamiráns. O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, xunto a varios membros do goberno e outros concelleiros e concelleiras da corporación municipal, recibiron ao recentemente gañador -por décimo cuarta vez- do campionato de España absoluto de squash. O xogador amesán estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya. O Concello de Ames está realizando unha serie de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.
No salón de plenos o xogador amesán de squash falou con varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal, aos que lle agradeceu a recepción, confesando que este tipo de actos oficiais son tamén unha forma animar aos e ás deportistas "cando estás competindo".
Borja Golán engadiu que "tamén benefician ao meu deporte, o squash, moi pouco visible nos medios. Esta é unha forma máis de que os rapaces e as rapazas coñezan mellor o que é o squash, e que o abano de deportes aos que poden acceder se vaia ampliando", engadiu. Despois de deixar a súa pegada no libro de firmas do Concello, o campión estatal recibiu dous agasallos de parte do Concello de Ames: un libro con fotografías e historia do municipio- "ti, que es da terra, valo saber apreciar", matizou José Miñones- e un trofeo conmemorativo co logotipo de Ames.
O xogador despediuse ao remate da recepción cunha invitación, dirixida a todas as persoas presentes, "a probar o squash, a primeira clase corre pola miña conta". Borja Golán é a segunda persoa en achegarse ao Concello de Ames no marco dunha ronda de recepcións, que iniciou recentemente o goberno municipal, para destacar os logros conseguidos en diversos ámbitos polos veciños e veciñas de Ames. Anteriormente, xa visitaron a Casa do Concello os irmáns Nerea e Alejandro Cereijo, que foron campións no campionato galego de xadrez sub-8-. Miñones explicou que se trata dunha iniciativa que “se quere seguir realizando no tempo, para animar aos amesáns e ás amesás que acadan logros deportivos ou culturais, por exemplo".
Borja Golán, gañador 14 veces -non consecutivas, debido a un parón dun ano por unha lesión no xeonllo- do campionato de España absoluto de squash- é 15º clasificado no ránking mundial. Este ano, en Madrid, sumaba o seu 14º título nunha final na que venceu por tres sets a cero a barcelonés Bernat Jaume. O 4 de maio o deportista amesán viaxa a Varsovia co equipo español de squash para disputar o campionato europeo por equipos, "unha boa oportunidade nun deporte que é, a maior parte do tempo, individual". "É distinto para nós, pasámolo moi ben e é bonito loitar por algo en común", explicou na recepción.




