Pestanas principais

A receita de Brión leva dous anos cociñándose en Ames, e cheira a rancio

Venres, 20 de xuño de 2025

A receita de Brión leva dous anos cociñándose en Ames, e cheira a rancio. Os ingredientes de desidia, retroceso e incapacidade  producen un fedor tan intenso que chega a todos os recunchos de Ames. Fede a personalismo, a  autoritarismo, e a burla á veciñanza que votou en clave progresista para acadar un goberno de esquerdas e recibiu un pacto PSOE-PP.

O BNG non se pregunta por que tantos alcaldes do PSOE non queren gobernos de coalición con el, sabémolo con certeza, sabemos que somos un grupo incómodo porque esiximos medidas progresistas e sociais que ao  PSOE lles molestan e entendemos que estean máis cómodos co PP cos que comparten intereses. O PSOE decide non pactar co BNG en diversos concellos como estratexia para intentar recuperarse a nivel nacional, desde o poder municipal, logo dunhas eleccións galegas cun resultado penoso, consecuencia da súa falta de alternativas para Galiza. Unha estratexia perigosa, xa que para tratar de afastarse e diferenciarse do BNG bótase en brazos dun PP que aplaude a súa incoherencia e incapacidade de análise político da realidade do país no que vive.

O PSOE de Ames mimetizouse até tal punto coas formas do PP, que mesmo utiliza a páxina web (como fai o PP coa CRTVG), unha páxina de información institucional, como se fose a do partido socialista e remite polo boletín municipal  o balanzo destes dous anos de lexislatura, a sabendas de que non se pode utilizar o soporte da institución para destacar os logros de xestión ou os obxectivos acadados por un partido. 

O BNG  de Ames non permite nin de Blas García, nin dos seus lacaios, leccións de como facer política, máis cando a veciñanza de Ames sabe perfectamente que de non ter pasado os nacionalistas polo goberno municipal todos os servizos de conciliación, as escolas deportivas, ou as políticas culturais e lingüísticas, non existirían. Servizos que, por outra banda, cómpre lembrar que foron os que situaron a Ames na vangarda e que son os que seguen atraendo poboación ao noso concello, porque garanten calidade de vida para todas e todos. 

O BNG seguirá desenvolvendo o seu programa, como única alternativa de goberno viable no concello de Ames e posicionándose en función dos intereses da xente de Ames, non do PSOE.

A receita de Brión leva dous anos cociñándose en Ames, e cheira a rancio