Pestanas principais

Recádanse 1.300 euros na Gala Benéfica por Matías celebrada no Milladoiro

Xoves, 05 de maio de 2016

[05-05-2016] O primeiro domingo de maio topouse con numerosas familias amesás que pasaban o día da nai no pavillón municipal de deportes do Milladoiro. Acudían xunto cos seus fillos e fillas, participantes da Gala Benéfica a prol de Matías; unha xornada solidaria e deportiva creada para recadar cartos que axuden á familia de Matías a sufragar a custosa operación que precisa este rapaz con parálise celebrar.

As persoas organizadoras da gala celebraron a alta participación da veciñanza, as case 1300 entradas vendidas que se traducen en 1300 euros destinados a sufragar a operación de Matías. Iso sen ter en conta o recadado na cantina e coas entradas da denominada “fila 0”, aínda pendente de sumarse para obter a cantidade total. As entradas para a gala foron impresas con cadanseu número, necesario para participar no sorteo de varias camisetas firmadas: unha por Vero Boquete, outra polos xogadores do RC Deportivo da Coruña, a equivalente firmada polos xogadores do RC Celta de Vigo, unha camiseta firmada por Fernando Torres e unha quinta por Manu Barreiro. Todas elas doadas polos e polas deportistas. Os números premiados xa foron publicados na páxina de Facebook do Milladoiro SD.


Varios clubs amesáns decidiron, fai unhas semanas, unir as súas forzas e mobilizar aos rapaces e as rapazas- e por suposto as súas familias- animándoos a formar parte dunha xornada deportiva e de xogos para axudar a Matías e a súa familia. Vicente González, presidente do Milladoiro SD, o adestrador da AD Básquet de Ames, Jose Luís Penas, a secretaria do Club de Patinaxe Omega, Anahí Sotelo, agradeceron a asistencia do público e a boa acollida que tivo a iniciativa entre a veciñanza do Milladoiro. Eran conscientes de que a data escollida era problemática, tanto por coincidir en domingo como por ser a celebración do Día da Nai. Non obstante sorprendéronse ante as numerosas persoas que encheron as gradas do pavillón municipal. O bo día acompañou, os nenos e nenas puideron xogar nos inchables instalados fóra do recinto, mentres que os maiores tomaban algo na cantina.

Xogáronse partidos de básquet e de fútbol, e as patinadoras e patinadores do club Omega realizaron varias demostracións. Os deportistas e deportistas dos tres clubs organizadores, así como as rapazas do Meigas CF, os rapaces e rapazas do Santiago Futsal e os baloncestistas chegados de Porto do Son ou do Club López Ferreiro- compostelán- repoñeron forzas a medio día coas pizzas doadas por Domino's Pizza Santiago.

Nunha entrevista a Ames Radio tanto Milagros, a nai de Matías, como Vicente González e José Luís Penas, agradeceron a participación da xente e, sobre todo, dos pais e nais que acompañaron a patinadores, xogadores de baloncesto e futbolistas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Gran éxito de la gala para poder tratar al niño Matías de Milladoiro"