[23-10-2012] A rebaixa do 50% da taxa da recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013 que o Goberno amiense levará ao pleno permitirá que nun prazo de pouco máis de cinco anos os veciños e veciñas amorticen o pago dos atrasos no cobro da taxa. Máis concretamente, cada veciño/a do rural amiense aforrará 38 euros cada ano, ao pagar a metade da taxa. A este ritmo, en cinco anos terá aforrado preto de 200 euros, que vén a ser a cantidade media acumulada na maioría dos casos. Deste xeito, grazas á rebaixa da taxa impulsada polo Goberno municipal, en neste tempo os veciños e veciñas terán amortizado o pago dos atrasos no cobro da taxa de recollida do lixo. Uns atrasos que veñen derivados dun proceso legal iniciado polo anterior Executivo amiense en 2010 e que por imperativo legal tivo que ser continuado.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que “coa rebaixa da taxa ao 50%, o Goberno cumpre co compromiso adquirido cos veciños e veciñas desde un primeiro momento nas reunións mantidas nas parroquias o pasado mes de maio”. O Concello comprometeuse con esta medida que, no mes de xuño e en posteriores encontros, se lles reiterou aos veciños. O Executivo expresou a súa vontade e proposición de baixar as taxas de recollida do lixo no rural a partir de xaneiro de 2013, co fin de minorar o pago dos atrasos, algo que agora cumpre.
A ordenanza modificada que se levará ao Pleno establecerá unha tarifa específica para estas zonas do rural amiense nas que a recollida do lixo se realiza cunha frecuencia de tres días á semana. Deste xeito, reducirase para cada epígrafe un 50% respecto da tarifa denominada de servizo continuo. Por exemplo, a tarifa para as vivendas quedaría en 37,9 euros. Esta medida foi adoptada co aval dos técnicos municipais e sempre desde o cumprimento da seguridade xurídica e da legalidade.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La rebaja del 50 % de la tasa de la basura amortiza los atrasos en 5 años, según Amor"
El Correo Gallego: "Os veciños de Ames amortizarán os atrasos da taxa do lixo nuns 5 anos"




