Pestanas principais

Realizouse o sorteo para elixir os membros das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo 18 de febreiro

Luns, 22 de xaneiro de 2024

Este luns pola mañá celebrouse unha Xunta de Goberno Local extraordinaria na Casa do Concello para tratar un único punto. Nesta sesión procedeuse ao sorteo, de xeito aleatorio, das persoas que ocuparán as 35 mesas electorais de Ames nas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, eleccións que terán lugar o domingo, 18 de febreiro. Un total de 25.171 persoas poderán votar en Ames. O persoal do Concello será o encargado de notificarlle a cada persoa que saíu elixida para formar parte dalgunha das mesas electorais.

Máis de 25.000 persoas están chamadas ás urnas en Ames nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. Este luns pola mañá, ás 9:30 horas, celebrouse unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local que serviu para elixir ás persoas que ocuparán as 35 mesas electorais do Concello de Ames nas próximas eleccións autonómicas en Galicia, que se celebrarán o día 18 de febreiro.

Este proceso levouse a cabo de xeito aleatorio e para iso empregouse un sistema informático no que se meten todas as persoas censadas con dereito a voto que hai no municipio amesán e, de xeito automático, procédese ao sorteo para determinar os integrantes das mesas electorais.

Nestas eleccións haberá 20 seccións, 35 mesas e 14 locais electorais, ao igual que sucedeu nas pasadas eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado celebradas o 23 de xullo de 2023. A estas eleccións están chamados un total de 25.171 electores. Respecto das anteriores eleccións xerais, celebradas o 23 de xullo de 2023, incrementou o censo electoral en 265 persoas. O censo das anteriores eleccións foi de 24.906 electores.

O Milladoiro será o núcleo que contará cun maior número de mesas electorais ao ser a localidade con máis poboación con dereito a voto. Deste xeito, O Milladoiro conta con 10.227 electores e 12 mesas electorais, mentres que Bertamiráns dispón de 9 mesas electorais e 7.037 electores. O número total de electores entre Bertamiráns e O Milladoiro ascende a 17.264. O resto de electores, que son 7.907, están repartidos polas urbanizacións do municipio, así como pola zona rural, e disporán de 14 mesas electorais.

Durante as próximas datas, o persoal do Concello de Ames notificaralle a todas as persoas que saíron elixidas que mesa electoral teñen que ocupar. Cada mesa electoral está formada por 3 persoas (1 presidente e 2 vogais) e hai 2 suplentes por cada membro. Polo tanto, por cada mesa electoral realízanse 9 notificacións.

Realizouse o sorteo para elixir os membros das mesas electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia do próximo 18 de febreiro