[30-05-2016] O sábado pasado pola mañá realizouse en Xunta de Goberno Local o sorteo, de xeito aleatorio, das persoas que ocuparán as 34 mesas electorais de Ames nas próximas eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado, eleccións que terán lugar o domingo, 26 de xuño. Por primeira vez dito sorteo realizou en Xunta de Goberno local despois que se aprobase en Pleno unha proposición para delegar neste órgano o sorteo dos membros das mesas electorais. Un total de 23.083 persoas poderán votar en Ames. O persoal do Concello será o encargado de notificarlle a cada persoa que saíu elixida para formar parte dalgunha das mesas electorais.
Máis de 23.000 persoas están chamadas ás urnas en Ames nas vindeiras eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado. O sábado pasado pola mañá, ás 11:00 horas, celebrouse unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local para elixir ás persoas que ocuparán as 34 mesas electorais do Concello de Ames nas próximas eleccións xerais, que se celebrarán o día 26 de xuño. O censo electoral amesán incrementouse en 154 persoas respecto das anteriores eleccións xerais celebradas o 20 de decembro de 2015.
Este proceso levouse a cabo de xeito aleatorio e para iso empregouse un sistema informático no que se meten todas as persoas censadas con dereito a voto que hai no municipio amesán e, de xeito automático, procédese ao sorteo para determinar os integrantes das mesas electorais. Por primeira vez dito sorteo realizou en Xunta de Goberno local despois que se aprobase en Pleno unha proposición para delegar neste órgano o sorteo dos membros das mesas electorais.
Esta modificación realizouse tras unha proposta que lle fixo o goberno aos distintos voceiros e voceiras dos grupos políticos municipais da oposición. Deste xeito, elimínase a celebración dun pleno extraordinario de curta duración para elixir os membros de ditas mesas, co conseguinte aforro de tempo e cartos para a Administración local.
Ames contará con 34 mesas electorais
Nestas eleccións haberá 34 mesas electorais, unha menos que nas pasadas eleccións xerais celebradas o pasado 20 de decembro de 2015. Elimínase a mesa de Piñeiro ao non dispor do número mínimo de electores. As persoas que acudían a esta mesa a votar terán que ir á mesa de Tapia. A estas eleccións están chamados un total de 23.083 electores.
O Milladoiro será o núcleo que contará cun maior número de mesas electorais ao ser a localidade con máis con poboación con dereito a voto. Deste xeito, O Milladoiro conta con 9.151 electores e 12 mesas electorais, mentres que Bertamiráns dispón de 9 mesas electorais e 6.212 electores. O resto de electores, que son 7.720, están repartidos polas urbanizacións do municipio, así como pola zona rural, e disporán de 13 mesas electorais.
Dende o sábado pasado, o persoal do Concello de Ames estalle notificando a todas as persoas que saíron elixidas que mesa electoral teñen que ocupar. Cada mesa electoral está formada por 3 persoas (1 presidente e 2 vogais) e hai 2 suplentes por cada membro. Polo tanto, por cada mesa electoral realízanse 9 notificacións.




