Pestanas principais

Realízanse obras de mellora no firme das calzadas das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral

Venres, 22 de xullo de 2016

[22-07-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, estiveron supervisando as obras de aglomerado que se están executando nas rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, situadas no núcleo urbano de Bertamiráns, co obxectivo de mellorar o estado do firme destas calzadas. Destes traballos encargouse a empresa Construcciones Ponciano Nieto SL. Estas obras están incluídas dentro do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. Os traballos de aglomerado quedarán rematados na xornada de hoxe.

Este venres, 22 de xullo, durante toda a xornada, a empresa Construcciones Ponciano Nieto SL, executará os traballos de aglomerado para reparar e mellorar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, situadas na localidade de Bertamiráns. Estes traballos que foron incluídos dentro do PAI da Deputación provincial da Coruña, polo goberno anterior, recollían inicialmente o aglomerado de 1.070 metros cadrados. Despois das xestións realizadas polo actual goberno municipal incrementouse a superficie de actuación ata os 1.400 metros cadrados.

As obras estanse realizando en diferentes treitos, polo que non foi necesario pechar o tráfico totalmente nestas rúas. O que se fixo foi ir pechando as rúas por tramos para poder executar os traballos con total seguridade. Ao realizar as obras por partes non foi necesario cortar as tres rúas ao mesmo tempo. Ademais, o mércores pola tarde xa se comezou a avisar de que non se podía estacionar nalgunha zonas desta rúas e colocáronse vallas para evitar que os vehículos estacionasen nestas rúas, e durante a xornada de hoxe, realizaranse cortes puntuais de tráfico nas tres rúas co fin de facilitar as obras que se están desenvolvendo.

O obxectivo desta actuación é mellorar a capa de rodaxe destas vías, aplicando cinco centímetros de aglomerado en quente, previo fresado do pavimento existente. Asemade, vaise a habilitar un paso de peóns elevado en fronte ao parque infantil da rúa Pesqueiras, xa que é unha zona de tránsito peonil. Deste xeito, increméntase a seguridade para os peóns que transitan por este lugar.

Obras en Pegariños
Estas obras foron adxudicadas xunto aos traballos de reparación no interior do lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames, por un importe de 51.399, 84, IVE incluído. Nunha segunda fase executaranse a obra de reparación en Pegariños, que está dividida en varios treitos. En oito destes tramos de 15x9,00; 10x3,00; 6x4,00; 50x5,00; 20x9,00; 30x6,00; 50x4,50; e 45x3,50, vaise a reparar o pavimento e repoñer o firme aplicando doce centímetros de formigón, incluíndo mallazo e xuntas de dilatación, intercalando franxas de adoquín de granito de 5 metros de lonxitude e medio metro de ancho. Previamente haberá demoler o pavimento existente e acondicionar a explanada.

Ademais, nun treito de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho vaise a mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e aplicando un rego de selado en toda a superficie. Previamente, haberá que reparar as fochancas existentes e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No proxecto tamén se contempla a canalización de 190 metros de tubería de PVC de 400 milímetros de diámetro, a execución de tres pozos de rexistro e a execución de 47 metros de caz de formigón con reixa para a recollida de augas pluviais.