Pestanas principais

Realízanse melloras no Portal de Transparencia do Concello de Ames

Luns, 25 de maio de 2020

Nos últimos días o Concello de Ames, a través dos departamentos de Comunicación e Transparencia, realizou varias modificacións no Portal da Transparencia do web municipal, para mellorar a organización da información dos apartados de Normativa municipal, Consulta pública e Información orzamentaria. Ademais, creouse una novo apartado en Transparencia denominado Decretos, onde se poden consultar os decretos aprobados pola Alcaldía durante o estado de alarma. Tamén se cargou no apartado de Información orzamentaria a documentación correspondente ao Orzamento de 2020. O obxectivo de ditos cambios é facilitar a navegación polo web da veciñanza amesá.

Un dos puntos fortes do novo web municipal, posto en marcha en xuño de 2019, é a aposta por potenciar os contidos de transparencia para cumprir cos índices de transparencia da organización Transparencia Internacional. Estes contidos están tanto no apartado de Transparencia coma no de Organización municipal, non só fornecendo os contidos, senón tratando de estruturalos da maneira máis clara posible, facéndoos doadamente accesibles aos usuarios/as.

Existen diferentes apartados con buscador como o de Normativa municipal (onde se poden atopar os bandos, ordenanzas, regulamentos e outros), así como o apartado de Resolucións xudiciais. Tamén existen outros apartados que aportan información sobre contratos, convenios, actas dos órganos municipais (Pleno, Xunta de Goberno Local e Comisións informativas), subvencións e axudas, información orzamentaria, orzamentos abertos, consulta pública, procesos selectivos, bolsas de traballo, ofertas de emprego público, grupos políticos, etc.

Melloras no Portal da Transparencia
No afán de ir mellorando o Portal de Transparencia, o persoal dos departamentos de Comunicación e Transparencia, xunto co persoal da empresa Tecnologías Plexus, que foi a adxudicataria do servizo de deseño, implantación, posta en marcha e mantemento da páxina web municipal, realizaron recentemente varias melloras nos apartado de Normativa municipal, Consulta pública e Información orzamentaria.

Deste xeito, no apartado de Normativa Municipal ordenáronse os documentos por tipo: ordenanzas, regulamentos e bandos. Ademais, nos apartado de Información orzamentaria e Consulta pública creáronse subapartados divididos por exercicio 2020, 2019, etc, para que sexa máis intuitiva e doada a navegación e consultar a información en ditos apartados.

Apartado específico para publicar os decretos
Por outra banda, creouse una novo apartado en Transparencia denominado Decretos, onde se poden consultar os decretos aprobados pola Alcaldía durante o estado de alarma. O obxectivo é dispor dun apartado específico para publicar dita documentación. Na actualidade pódese consultar os decretos, tanto na sección de Avisos coma no apartado de Transparencia, pero o obxectivo é publicar soamente os decretos no Portal da Transparencia.

Por último, tamén se cargou no apartado de Información orzamentaria a documentación correspondente ao Orzamento de 2020. O obxectivo de ditos cambios é facilitar a navegación polo web da veciñanza amesá.

O goberno municipal recorda que "a transparencia é unha peza importante para nós e de aí que se fixera unha Concellaría específica e se apostara pola creación do Portal da Transparencia que agora melloramos".

Imaxe do Portal da Transparencia do Concello de Ames