Pestanas principais

Realizada con éxito a proba técnica dos novos colectores do Milladoiro que entrarán en funcionamento o luns

Sábado, 19 de febreiro de 2011

[19-02-2011] "Mellora a separación en orixe e o xeito de facela posto que cada colector leva escrito claramente o tipo de lixo que acolle, evita cheiros, e son moito máis estéticos e moito máis hixiénicos". Deste xeito pronunciábase o alcalde de Ames, Carlos Fernández, no transcurso da revisión técnica das novas sete illas de colectores soterrados realizada o xoves pola tarde no Milladoiro. As illas de colectores, situadas unha na rúa Travesa e dous en cada unha das rúas Raxoeira, Curuxa e Pardiñeiros, todas elas transversais da rúa Anxeriz, entrarán en funcionamento o vindeiro luns 21 de febreiro a partires das 20:00 horas. Cada illa inclúe 2 colectores destinados á materia orgánica, dous a materia inorgánica, un colector de tres metros cúbicos para o vidro e outros de catro metros cúbicos para o papel e o carbón. As sete novas illas de colectores soterrados súmanse ás seis que xa están funcionando nas prazas da Maía e Chavián, en Bertamiráns, na rúa do Seixo e na praza do Porto, no Milladoiro, e nas urbanizacións de Aldea Nova e as Mimosas.