Pestanas principais

A Real Federación Española de Fútbol presenta este domingo o seu Campus de Fútbol de Ames

Xoves, 11 de xullo de 2019

O salón de actos do CEIP de Ventín acolle este domingo, 14 de xullo, a presentación do Campus da Real Federación Española de Fútbol que se desenvolverá no Concello de Ames entre o 14 e o 27 de xullo. Á presentación acudirán Joaquín de Ramos, responsable organizador dos campus da RFEF e Susana Señorís, concelleira de Deportes e Atención Veciñal de Ames, que estarán acompañados por  algúns membros do goberno municipal e o equipo técnico que impartirá as clases durante o campus. O acto comezará ás 17.30h, e nel explicarase o programa da actividade, e daráselle a benvida aos participantes da primeira quenda, que transcorrerá do 14 ao 20 de xullo.

O campo de fútbol municipal do Milladoiro e o CEIP de Ventín acollen este verán, entre o 14 e o 27 de xullo, un dos Campus organizados pola Real Federación Española de Fútbol. Esta é a primeira vez que a RFEF escolle ao municipio amesá como sede desta iniciativa na provincia da Coruña, status compartido cos concellos de Cedeira e Cerceda. Esta actividade está destinada a nenos e nenas de entre 8 e 17 anos, que durante a súa participación intervirán tanto en avaliacións tecnico-tácticas como de aptitudes físicas, así como en diversos torneos entre os propios grupos de traballo como con equipos doutros campus.

O campus celebrarase en dúas quendas divididas nas modalidades interna e externa. A primeira quenda desenvolverase entre o 14 e o 20 de xullo para as nenas e nenos que participan na modalidade interna e do 15 ao 19 de xullo para aqueles/as que o fagan na externa, mentres que a segunda quenda terá lugar entre o 21 e o 27 de xullo para a modalidade interna e do 22 ao 26 para a externa. Esta iniciativa busca que o contacto entre os profesionais da RFEF e as rapazas e rapaces se converta nunha experiencia que incremente a motivación dos participantes para a práctica do fútbol.

O plan de traballo combinará a ensinanza deportiva técnico-táctica coa práctica da educación extradeportiva mediante a transmisión de valores como a convivencia, a cooperación, a amizade, ou a tolerancia, a través do xogo en equipo. Para elo, ao longo dos días fomentarase a aprendizaxe mediante un sistema de adestramento global a través do xogo, así como a toma de decisións, enfocado á maduración e á autonomía persoal dos participantes. Así mesmo, durante as distintas xornadas non só se practicará fútbol, senón tamén outras actividades como o baloncesto, voleibol, xogos de mesa, videoxogos, excursións á piscina municipal do Milladoiro e distintas saídas en grupo.

A presentación do campus de Ames terá lugar este domingo, 14 de xullo, no salón de actos do CEIP de Ventín a partir das 17.30h. No acto participarán Joaquín de Ramos, responsable organizador dos campus da RFEF e Susana Señorís, concelleira de Deportes e Atención Veciñal de Ames. Ambos estarán acompañados por algúns membros do goberno municipal, así como polo equipo técnico que impartirá as clases durante o campus. Ao longo da tarde, os poñentes falarán do contido do campus e daranlle a benvida e o material do campus aos rapaces e rapazas que participarán na actividade na primeira quenda.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "A Real Federación Española de Fútbol presenta este domingo o seu Campus de Fútbol de Ames"

Campus Real Federación Española de Fútbol en Ames