Este verán, o concello de Ames convertese nun dos municipios elixidos pola Real Federación Española de Fútbol, xunto a Cerceda e Cedeira, para transformarse nunha das sedes do Campus de Fútbol organizado pola entidade na provincia da Coruña. O municipio amesá acollerá esta iniciativa entre o 14 e o 27 de xullo. O prazo de inscrición para participar nesta actividade, dirixida a nenos e nenas de 8 a 17 anos, xa está aberto, e pode formalizarse a través da páxina http://inscricion.campusrfef.es . O campus estará dividido nunha primeira quenda, que transcorrerá entre os días 14 e 20 de xullo; e unha segunda, que terá lugar do 21 ao 27 de xullo. Tamén existe a opción de participar na quenda dobre, que se estenderá do 14 ao 27 do mesmo mes. Durante o transcurso desta iniciativa, os diversos profesionais da RFEF combinarán a ensinanza técnico-táctica deportiva coa educación extradeportiva de valores relacionados coa práctica do deporte, co obxectivo de animar aos mozos/as a practicar deporte.
O campo de fútbol municipal do Milladoiro e o CEIP de Ventín acollerán este verán, entre o 14 e o 27 de xullo, un dos Campus organizados pola Real Federación Española de Fútbol. Esta é a primeira vez que a RFEF escolle ao municipio amesá como sede desta iniciativa na provincia da Coruña, status compartido cos concellos de Cedeira e Cerceda. Esta actividade estará destinada a nenos e nenas de entre 8 e 17 anos, que durante a súa participación intervirán tanto en avaliacións tecnico-tácticas como de aptitudes físicas, así como en diversos torneos entre os propios grupos de traballo como con equipos doutros campus. Esta iniciativa busca que o contacto entre os profesionais da RFEF e as rapazas e rapaces se converta nunha experiencia que incremente a motivación dos participantes para a práctica do fútbol.
Para acadar este obxectivo, o plan de traballo combinará a ensinanza deportiva técnico-táctica coa práctica da educación extradeportiva mediante a transmisión de valores como a convivencia, a cooperación, a amizade, ou a tolerancia, a través do xogo en equipo. Para elo, ao longo dos días fomentarase a aprendizaxe mediante un sistema de adestramento global a través do xogo, así como a toma de decisións, enfocado á maduración e á autonomía persoal dos participantes. Así mesmo, durante as distintas xornadas non só se practicará fútbol, senón tamén outras actividades como o baloncesto, voleibol, xogos de mesa, videoxogos, excursións ao parque acuático e distintas saídas en grupo.
Por outra banda, o campus celebrarase en dúas quendas que estarán divididas nas modalidades interna e externa. A primeira quenda desenvolverase entre o 14 e o 20 de xullo para as nenas e nenos que participan na modalidade interna e do 15 ao 19 de xullo para aqueles/as que o fagan na externa, mentres que a segunda quenda terá lugar entre o 21 e o 27 de xullo para a modalidade interna e do 22 ao 26 para a externa. Sen embargo, as persoas que queiran acudir ambas semanas tamén poderán inscribirse na quenda doble, que se estenderá do 14 ao 27 de xullo na modalidade interna, mentres que na externa realizarase entre do 15 ao 19 máis do 22 ao 26.
A inscrición deberá realizarse mediante o formulario dispoñible na seguinte ligazón. Pódese obter máis información sobre a actividade e os prezos premendo no enlace dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova, a través da páxina web de Real Federación Española de Fútbol, o enderezo electrónico campus@rfef.es ou o teléfono 914 959 851.





