Pestanas principais

Reabre a Aula AMTIC do Milladoiro con novos cursos neste mes de setembro

Luns, 25 de agosto de 2025

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AmTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, retoma a súa programación neste mes de setembro. Desta volta, ofertan tres novos cursos para adultos e unha formación dirixida para menores. As persoas interesadas en realizar calquera dos cursos, deben facer a súa inscrición chamando a través do número de teléfono 674 59 48 43, escribindo un correo electrónico a informatica.milladoiro@gmail.com coa correspondente solicitude cuberta e asinada ou de xeito presencial na propia aula AmTIC do Milladoiro. 

A Aula AmTIC do Milladoiro trae novas formacións para setembro que se impartirán ao longo de todo o mes. En total, ofrecen tres novos cursos para adultos e un para menores de idade. 

Cursos para adultos
Durante este vindeiro mes de setembro desenvolveranse tres formacións dirixidas para adultos. A primeira delas terá lugar os días 10, 11 e 12, en horario de 10.00 a 12.00 horas e será un curso de Administración electrónica. Trátase dunha formación orientada á familiarización e uso dos servizos da administración pública a través da internet. O alumnado aprenderá a manexar algúns dos sistemas de identificación electrónica, coma o DNI electrónico ou os certificados dixitais; realizar trámites básicos en liña, coma citas previas ou pago de taxas; o acceso á carpeta cidadá, onde se poden consultar os nosos trámites e notificacións persoais; ou o manexo e uso de ferramentas e portais de uso frecuente, coma a Seguridade Social ou o SEPE. 

Por outra banda, impartirase os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de setembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas, un curso de iniciación á informática. Nesta ocasión, traballaranse en contidos e habilidades básicas coas que comezar a manexar un ordenador, así como os diferentes programas e ferramentas que ofrece. 

A derradeira formación que se desenvolverá no mes de setembro será sobre o uso do móbil, na que o alumnado aprenderá as funcións básicas deste dispositivo, comunicación dixital, seguridade dixital e todas as utilidades que pode ofrecernos no noso día a día. Este curso impartirase os días 10, 11 e 12 en horario de tarde de 17.15 a 18.45 horas. 

Curso para menores
Durante o mes de setembro tamén terá lugar un curso de mecanografía dirixido para a rapazada menor de 10 anos, que se desenvolverá os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de setembro, en horario de tarde de 17.15 a 18.45 horas. Deste xeito, os máis pequenos da casa poderán aprender e adquirir soltura a escribir co ordenador empregando o programa MECANET. 

A inscrición en calquera destes cursos pode realizarse chamando ao número de teléfono 674 59 48 43 (De luns a venres de 09.30 a 14.00), enviando ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com a solicitude de inscrición cuberta e asinada ou presencialmente na aula AMTIC do Milladoiro en horario de aula aberta (De luns a venres de 09.00 a 13.00 horas). Pódese descargar a ficha de inscrición para as actividades da Aula AMTIC na seguinte ligazón

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Reabre a aula AmTIC do Milladoiro con novos cursos en setembro"

Reabre a Aula AMTIC do Milladoiro con novos cursos neste mes de setembro

Multimedia

  • Reabre a Aula AMTIC do Milladoiro con novos cursos neste mes de setembro