Pestanas principais

Raúl Rodríguez Paulino debuta en categoría júnior na Liga Nacional de Karate en Ciudad Real

Mércores, 11 de marzo de 2026

O karateka da Escola de Karate Dokkodo participou esta fin de semana en Ciudad Real na cuarta xornada da Liga Nacional de Karate, unha das competicións máis esixentes do calendario estatal. A cita supuxo ademais o seu debut na categoría júnior, un salto competitivo importante nunha división marcada por un maior nivel, intensidade e ritmo de combate.

En canto aos resultados, o deportista logrou a vitoria no primeiro combate, aínda que posteriormente caeu no segundo encontro, quedando nesta ocasión sen opción de acceder á repesca.

Máis alá do resultado final, desde a Escola de Karate Dokkodo valoran positivamente a participación, xa que Raúl puido disputar dous combates de gran esixencia, unha experiencia que lle permitirá seguir analizando aspectos técnicos e axustando o traballo de preparación de cara ás próximas citas do calendario.

A participación da entidade en Ciudad Real completouse coa presenza de Kike Blanco, que acompañou ao deportista exercendo labores de adestrador, e de Adrián Seoane que participou na competición formando parte do equipo arbitral. A xornada tivo ademais un significado especial ao coincidir coa incorporación oficial de Raúl ao Team K-Mastery, marca que pasa a apoiar ao deportista nesta nova etapa competitiva.

Mateo Quintás 
Por outra banda cómpre destacar que o karateka, Mateo Quintás García, tamén pertencente á Escola de Karate Dokkodo foi convocado pola selección española o que lle permitiu adestrar cos seleccionadores nacionais durante a terceira xornada da Liga Nacional celebrada os días 21 e 22 de febreiro en Logroño.

Dende a directiva da Escola Dokkodo amosaron o seu orgullo por este fito: “que a Selección Española se fixe nun dos nosos alumnos é o mellor recoñecemento ao traballo diario. Mateo é un exemplo de constancia e estamos seguros de que esta experiencia vaille axudar na súa carreira. Esta convocatoria supón un novo éxito para o deporte de Ames e sitúa á Escola de Karate Dokkodo no mapa do karate nacional”.

Imaxe de José María Rodríguez (Cheffo)

Multimedia

  • Imaxe de José María Rodríguez (Cheffo)
  • Imaxe de José María Rodríguez (Cheffo)
  • Imaxe de José María Rodríguez (Cheffo)
  • Imaxe de José María Rodríguez (Cheffo)
  • Raúl Rodríguez Paulino debuta en categoría júnior na Liga Nacional de Karate en Ciudad Real