Pestanas principais

A rapazada de Ames convértese en cineastas por un día cos obradoiros de Cinema Miúdo

Sábado, 01 de novembro de 2025

No marco da oitava edición do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames, Cinema Miúdo, o Concello de Ames propón dúas actividades formativas que farán as delicias da rapazada máis curiosa: dous obradoiros creativos para aprender facendo, dirixidos por profesionais de referencia no ámbito audiovisual. Ambos  obradoiros son para nenas e nenos a partir de 8 anos. Son gratuítos e con prazas limitadas e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico actividades@cinemamiudo.gal indicando nome e idade da participante e teléfono de contacto dunha persoa adulta.

O Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns do 13 ao 16 de novembro. Trátase da edición máis internacional e comprometida de Cinema Miúdo. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña. Os abonos para o festival, que teñen un prezo de 3 euros, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O festival propón un programa cinematográfico amplo de curtametraxes internacionais, actuacións e obradoiros que combina calidade artística, orixinalidade e compromiso social. Nesta edición unha das sesións da selección oficial contará cun subtitulado específico para persoas con discapacidade auditiva. Proxectaranse filmes procedentes de 21 países diferentes, entre eles Corea do Sur, Croacia, Dinamarca ou os Países Baixos, o que reflicte o carácter internacional e plural do certame.

Feridas de película con Ricardo Spencer
O sábado 15 de novembro, ás 10:30 horas, celébrase o obradoiro de Efectos especiais con Ricardo Spencer,que achegará aos nenos e nenas as técnicas básicas para crear feridas, cortes e mesmo amputacións de maneira realista, empregando materiais caseiros e seguros.

Ricardo Spencer, nado en Brasil e afincado en Vigo, é licenciado en Xornalismo e técnico en efectos especiais. Mestre no CIFP Audiovisual de Vigo e director-xerente da empresa SFX Efectos Especiais, conta cunha ampla traxectoria profesional en televisión, cinema e teatro. Participou en producións brasileiras como O Baile Perfumado ou O Cangaceiro, e galegas como Los Lunes al Sol, Fisterra, O Ilegal ou Dhogs, ademais de colaborar en numerosas curtas, series e montaxes teatrais en Galicia e Portugal.

Arte fotograma a fotograma con Fernando Cotizo
O domingo 16 de novembro, ás 10:30 horas, o obradoiro de Stop Motion con Fernando Cortizo, introducirá ás crianzas na fascinante técnica de animación fotograma a fotograma. A partir da creación das súas propias figuras de plastilina e escenarios, os participantes darán vida a pequenas historias animadas coas súas mans. A arte cinematográfica do stop motion consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías. 

Fernando Cortizo é director e guionista, autor dunha ducia de curtametraxes, tanto en imaxe real como de animación e fundador de Artefacto Producciones. En 2009 comezou a produción da súa primeira longametraxe, O Apóstolo, a primeira película europea en stop motion estereoscopio. Con ela obtivo en 2012 o nomeamento ao Goya á Mellor Película de Animación, ademais do recoñecemento internacional. Xunto a el estará Isabel Rey, tamén membro de Artefacto e produtora executiva do filme O Apóstolo, alén de pintora.

Festival de curtametraxes
Ademais destas propostas prácticas, Cinema Miúdo ofrecerá en Ames unha ampla programación que combina cinema, educación e compromiso social. A súa selección oficial de curtametraxes inclúe nove bloques a concurso, con filmes procedentes de 21 países diferentes e dous pases especiais de Cinema en Valores, con sesións que reivindican a memoria do cinema clásico e abordan temas de igualdade, solidariedade e dereitos humanos. O festival completarase coas actuacións da escola de baile Danzaya e Peter Punk Pallaso.

Entradas
A entrada ás proxeccións realizarase mediante abono único, dispoñible na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros.

Os obradoiros son gratuítos e con prazas limitadas, e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico actividades@cinemamiudo.gal.

A rapazada de Ames convértese en cineastas por un día cos obradoiros de Cinema Miúdo

Multimedia

  • A rapazada de Ames convértese en cineastas por un día cos obradoiros de Cinema Miúdo
  • A rapazada de Ames convértese en cineastas por un día cos obradoiros de Cinema Miúdo
  • A rapazada de Ames convértese en cineastas por un día cos obradoiros de Cinema Miúdo