Pestanas principais

Queens Moda, en Bertamiráns, e Puntadas de Marzo, no Milladoiro, gañadores do premio especial do público no X Concurso de Escaparates

Venres, 29 de xaneiro de 2016

[29-01-2016] Esta mañá, ás 14:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, déronse a coñecer os gañadores dos premios que quedaban por repartir da X Edición do Concurso de Escaparates. Os establecementos galardoados co premio especial do público son Queens Moda, en Bertamiráns, con 123 votos, e Puntadas de Marzo modista e mercería, do Milladoiro, con 109 votos. A través dun sorteo, levado a cabo entre os clientes que votaron no concurso de escaparates, determinouse que Luz María Santos e Marcos Mesías, ambos do Milladoiro e Marcos García, de Brión, son os premiados cun talón con valor de 300 euros. Ademais, o establecemento Boas e Novas de Bertamiráns recibiu, tamén por sorteo, o premio especial do décimo aniversario do Concurso de Escaparates consistente nun talón de 200 euros.

Ao sorteo asistiron a técnica de Turismo, Sonia Moure, o técnico AEDL Jorge Couñago e representantes de varias asociacións de comerciantes de Bertamiráns e do Milladoiro. Pablo Suárez acudiu por parte da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Salomé Blanco fixo o propio pola Asociación de Empresarios do Polígono Novo Milladoiro, José Manuel Fernández representou a Asociación Viorneira Palmira Bulevar, tamén do Milladoiro, e Jorge Capeáns a AEMI, Asociación de Empresarios do Milladoiro.

Foron eles e elas as mans inocentes que foron retirando, unha a unha, as papeletas cos nomes dos tres gañadores do sorteo realizado entre a clientela que votou no concurso de escaparates. Tralos nomes de Luz María Santos, Marcos Mesías e Marcos García retiraron seis papeletas máis, cos datos de aqueles e aquelas que obterían o premio no seu lugar en caso de non poder contactar con algún dos tres.

O pasado 18 de decembro fixéranse públicos os establecementos galardoados pola súa destacada decoración, escollidos por un xurado formado por tres persoas. O ditame anunciaba que El Desván de Pestañas era o gañador. Na segunda e terceira posición quedaron Arola Moda e Complementos e Cousalinda Moda e Complementos. Agora quedaba coñecer aos establecementos elixidos polo público, que este ano non coincidiron con ningún dos seleccionados polo xurado.

Premio especial do público e do décimo aniversario
Cun total de 123 votos, dos 674 depositados nas urnas en Bertamiráns, Queen's Moda resultou claro gañador, mentres que, con 109 votos de entre os 381 depositados no Milladoiro, Puntadas de Marzo modista e mercería foi o establecemento gañador nesta localidade. En total depositáronse 1.055 votos.

Para rematar o concurso unha última man inocente retirou dunha urna o nome dun establecemento máis, entre todos aqueles que concursaran, pero que non obtiveran ningún premio. Boas e Novas foi o comercio escrito na papeleta retirada, polo que este establecemento de Bertamiráns recibirá un talón cun valor de 200 euros. Este novo premio foi ideado para festexar os dez anos de celebración do concurso de escaparates.