Pestanas principais

Quedan prazas dispoñibles para participar na xincana “Xente Nova XEA”, o vindeiro sábado, 5 de setembro

Martes, 18 de agosto de 2026

O Concello de Ames colabora coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) na organización da xincana “Xente Nova XEA”, unha iniciativa pioneira dirixida á mocidade que combina lecer, participación e dinamización do comercio, da hostalaría locais de Ames. A cita celebrarase o sábado 5 de setembro de 2026, en horario de 16:30 a 21:00 horas, e rematará cunha gran festa final con sesión dj e a entrega de premios. A actividade está dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, que participarán formando peñas de entre 6 e 10 integrantes. A inscricións, que son gratuítas, estarán abertas ata cubrir o máximo de 15 peñas participantes.

Baixo o lema “050926, estás preparadx?”, o evento propón unha gran xincana urbana na que as peñas participantes percorrerán distintos establecementos do municipio superando probas, retos e dinámicas deseñadas para descubrir dunha maneira divertida e participativa a ampla oferta comercial e hostaleira de Ames. Tamén haberá probas/xogos fixas que formarán parte da puntuación total. 

Como parte da competición, cada peña deberá elaborar un reel para Instagram no que promova de forma creativa o comercio, a hostalaría de Ames. Esta creación audiovisual formará parte da puntuación final da xincana e premiará tanto o alcance acadado nas redes sociais como a creatividade, a integración dos establecementos participantes e a capacidade para transmitir unha imaxe positiva do municipio e do seu tecido empresarial.

O obxectivo da xincana “Xente Nova XEA” é implicar a mocidade na vida económica e social do municipio, promovendo un consumo de proximidade, fomentando o coñecemento do tecido empresarial local e fortalecendo o vínculo entre as novas xeracións e os negocios de Ames. A iniciativa nace coa vocación de converterse nun evento de referencia no calendario local.

Premios e inscrición
A organización repartirá premios por valor de 1.100 euros entre as tres peñas mellor clasificadas: 600€ primeiro clasificado, 300€ segundo clasificado e 200€ terceiro clasificado. Será mediante un sistema de bonos para consumir nos establecementos asociados á XEA. Ademais, realizarase o sorteo de dous bonos adicionais de 50 euros a través da conta de Instagram da asociación. 

As inscricións son gratuítas e poden realizarse a través do seguinte formulario. Na xincana poderán participar un total de 15 peñas de entre 6 e 10 participantes, polo que non haberá data límite de inscrición, senón que se agardará ata cubrir dita cota. No caso de seren cubertas as prazas, informarase a través das redes sociais de XEA.

Quedan prazas dispoñibles para participar na xincana “Xente Nova XEA”, o vindeiro sábado, 5 de setembro

Multimedia

  • Quedan prazas dispoñibles para participar na xincana “Xente Nova XEA”, o vindeiro sábado, 5 de setembro