Pestanas principais

Quedan algunhas prazas libres para participar nas “Brincadeiras Miúdas” do Milladoiro

Luns, 24 de agosto de 2020

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha as “Brincadeiras Miúdas”, catro xornadas de xogos, bailes, cantos e contadas ao aire libre que se desenvolverán o 25 e 26 de agosto no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o 1 e 2 de setembro no parque dos Piñeiros, no Milladoiro. Animarán as sesións os Xogos do Paporrubio e Cé Orquestra Pantasma. A actividade está dirixida a familias con nenos e nenas de 2 anos en diante. Aínda quedan algunhas prazas libres para participar nas actividade dos Xogos do Paporrubio e da Cé Orquestra Pantasma no Milladoiro. Para Bertamiráns están todas as prazas esgotadas. O aforo é limitado para garantir as normas de seguridade.

Dous espectáculos conforman o cartel de “Brincadeiras Miúdas”: Os Xogos do Paporrubio e Cé Orquestra Fantasma. Ambos os dous inclúen no seu formato xogos, contos, cancións e bailes axeitados, para que os nenos e nenas que asistan e as familias que os acompañen podan participar desa festa ao aire libre nas que compartir tempo de lecer e diversión en galego é un dos obxectivos principais.

Os xogos do Paporrubio
Os “Xogos do Paporrubio” desenvolveranse este martes, 25 de agosto, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e o 1 de setembro no parque dos Piñeiros, ao carón da piscina municipal descuberta do Milladoiro. Trátase dun compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna.

O paporrubio, calzado cuns zoquiños, guía a nenos e maiores por unha eira chea de xogos. Os participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos, mentres que se sorprenderán noutros deles grazas ás pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa. Xoguetes, marionetas, música e sobre todo xogo en familia son as bases sobre as que se sustentan os “Xogos do Paporrubio”.

Cé Orquestra Pantasma
A Cé Orquestra Pantasma visita con asiduidade o noso concello e sempre acada un gran éxito a través do programa Apego. Desta volta trae o espectáculo: “A xogar, cantar e bailar”. O espectáculo inclúe un concerto de case unha hora de duración e un obradoiro de brinquedos naturais que sen dúbida moverán o maxín das crianzas e das familias e lembrarán que a rúa segue a ser un espazo único e indispensable para xogar e a natureza a mellor feira xogueteira. A Cé Orquestra Pantasma estará este mércores, 26 de agosto, en Bertamiráns, mentres que no Milladoiro estará o día 2 de setembro.  

Prazas libres
Dende o Servizo de Normalización Lingüística informan de que aínda quedan algunhas prazas libras para participar nas actividade dos Xogos do Paporrubio e da Cé Orquestra Pantasma no Milladoiro. Para Bertamiráns están todas as prazas esgotadas. O aforo é limitado para garantir as normas de seguridade.

As persoas que queiran participar deben enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal. No correo debe especificarse a actividade a que se vai asistir (Xogos do Paporrubio – Cé Orquestra Pantasma, ou ás dúas actividades), o nome e apelido das persoas que participarán, a idade dos/as nenos/as e un teléfono de contacto. Poderán participar as familias con nenos de 2 anos en diante. Cómpre salientar que se limita o aforo destes eventos por mor de garantir a seguridade.

Cartel das Brincadeiras Miúdas

Multimedia

  • Cartel das Brincadeiras Miúdas