Pestanas principais

Queda restablecida a circulación nos cruces das rúas da Cruxa e das Figueiras coa avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro

Luns, 30 de abril de 2012

[30-04-2012] Esta mañá, a primeira hora, quedou restablecida a circulación na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro. O pasado sábado a tormenta que pasou polo Milladoiro deixou avariados os semáforos situados no cruce da avenida de Rosalía de Castro coas rúas da Cruxa e das Figueiras. Para evitar accidentes desviouse o tráfico en ambos os dous cruces. Esta mañá quedaron arranxados os semáforos avariados. Houbo que substituír as tarxetas dos semáforos que estaban queimadas e volver a programalas para regular correctamente a circulación tanto de vehículos coma dos peóns.

O temporal e a tormenta desta fin de semana deixou consecuencias no municipio de Ames. A tormenta que pasou o pasado sábado pola tarde polo Milladoiro provocou a avaría dos semáforos que regulan o tráfico nos cruces das rúas da Cruxa e das Figueiras coa avenida de Rosalía de Castro. Debido a que estes semáforos regulan a circulación dun cruzamento que conta cunha grande intensidade de tráfico ao longo do día a Policía local desprazouse ata O Milladoiro para desviar o tráfico nun único sentido (cara á avenida de Rosalía de Castro) para evitar que os vehículos cruzasen a avenida.

Este medida permitiu regular a circulación do tráfico ata que os semáforos se arranxaron. A brigada municipal de obras intentou amañar os semáforos que estaban avariados, pero non puideron porque tiñan as tarxetas queimadas e isto requiría a intervención de técnicos especializados na programación das tarxetas dos semáforos. A Policía local estivo moi pendente durante a xornada de onte deste cruces para comprobar como fluía a circulación dos vehículos neste lugar.

Ademais, unha patrulla da Policía local estivo hoxe dende as oito da mañá en ambos os cruces para regular a circulación dos vehículos e dos peóns. Dende a policía local manifestaron que a pesar de que a estrada estaba moi esvaradía pola choiva non houbo ningún problema. Finalmente, os semáforos quedaron arranxados hoxe a primeira hora da mañá. Deste xeito, a circulación restableceuse en ambos os dous cruces e os vehículos xa poden cruzar a avenida de Rosalía de Castro.