[11-06-2011] Este venres 10 de xuño, ás 17:30 horas, realizouse a inauguración do campo de fútbol municipal do Milladoiro, que está situado no Polígono Industrial desta localidade, na rúa das Hedras, xusto detrás das instalación do punto limpo. O acto de inauguración estivo presidido polo alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, e o concelleiro de Deportes en funcións, Francisco Villaverde, que descubriron unha placa conmemorativa e fixeron o saque de honra dende o medio do campo. A continuación, disputáronse dous encontros de fútbol. Primeiro xogaron os equipos infantís do Antiqua Milladoiro SD e do Bertamiráns FC, e despois foi a quenda dos equipos de benxamíns deste dous clubs de fútbol, que se encargaron de pechar o acto de inauguración cun novo partido. O campo de fútbol localízase nunha parcela de máis de 6.300 metros cadrados e foi financiado mediante o Plan E. Esta infraestrutura, , cunhas dimensións de 92 X 56 metros, adáptase as dimensións regulamentarias e dispón de céspede artificial.
O alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, e o concelleiro de Deportes en funcións, Francisco Villaverde, foron os encargados de inaugurar o novo campo municipal de fútbol do Milladoiro. Primeiro, descubriron unha placa conmemorativa, e despois fixeron o saque de honra dende o medio campo. Tras a intervención das autoridades municipais disputáronse dous partidos entre os equipos das categorías de base do Antiqua Milladoiro SD e do Bertamiráns FC. Primeiro xogaron os equipos de infantís e despois foi a quenda dos benxamíns.


Este campo permite aumentar o número de infraestruturas deportivas municipais e poderán albergar as actividades das escolas deportivas municipais, entre outras, que ata o de agora leváronse a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns e nos pavillóns polideportivos municipais. Xa que son moitos os equipos que adestran todos os días no campo de fútbol de Bertamiráns o goberno municipal comprometeuse a construír un novo campo no Milladoiro que cubrira todas as necesidades desta zona.
Este proxecto, que foi sufragado a través do Plan E, dispuxo dun orzamento base de licitación de 758.271euros, pero a empresa adxudicataria rebaixouno en 159.009 euros, polo que finalmente tivo un custo de 599.262 euros. O campo de fútbol do Milladoiro é un proxecto de vital importancia para todos os veciños e veciñas deste núcleo amiense e soluciona unha demanda que levan realizando nos últimos anos.
O campo de fútbol do Milladoiro construíuse nas parcelas 117 e 118 do proxecto de compensación do polígono industrial do Milladoiro que suman unha superficie de máis de 6.300 metros cadrados. Esta parcela encóntrase detrás do punto limpo que está situado na rúa da Hedras, no Polígono Novo Milladoiro. Para poder levar a cabo este proxecto houbo que aprobar na sesión plenaria de febreiro de 2009 o cambio de uso, de social a deportivo, da parcela 117. A empresa adxudicataria foi Hidroscivil, SL e Gabrat, SL, Unión Temporal de Empresas por un importe de 599.262 euros.
Os primeiros traballos que se executaron foron de desmonte e de movemento de terras para achanzar o terreo. Despois foron completando cada unha das instalacións (vestiarios e campo de fútbol) e por último colocouse a reixa de peche, as porterías e lastrouse o campo. O novo campo de fútbol do Milladoiro, cunhas dimensións de 92 X 56 metros, adaptase ás dimensións regulamentarias e dispón de céspede artificial.
Ademais deixouse un espazo de metro e medio de ancho nas bandas laterais e de dous metros e medio nas bandas de fondo. Ademais construíronse catro vestiarios coas súas respectivas zonas de ducha a aseos, dous dirixidos ós equipos de cativos e os outros dous para o resto das categorías. Por último, colocáronse todos os elementos característicos deste tipo de instalacións: porterías, banquiños, redes, banderíns, vestiario para árbitros, almacén e oficinas. O peche do campo fíxose con rede, sen empregar muros, e con noiros vexetais adaptados ao contorno natural da zona.


Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Milladoiro estrenó el campo de fútbol de hierba artificial con dos partidos"




