Pestanas principais

Queda aprobado de xeito definitivo o orzamento de 2024 que supera os 32 millóns de euros

Luns, 25 de marzo de 2024

O Pleno do Concello de Ames, na sesión extraordinaria celebrada o 22 de febreiro de 2024, aprobou de xeito inicial o Orzamento Xeral do Concello para o exercicio 2024. Ao non presentarse alegacións quedou aprobado con carácter definitivo o 22 de marzo de 2024, trala publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. O orzamento municipal de 2024 ascende á cifra de 32.568.424,74 euros. Trátase dun orzamento que segue a mesma liña de orzamentos de anos anteriores, onde se blindan áreas como a educación, os servizos sociais e os servizos básicos.

O pasado venres, 22 de marzo, publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o anuncio de aprobación definitiva do Orzamento Xeral do Concello de Ames para o exercicio 2024. O orzamento ascende á cifra de 32.568.424,74 euros, medrando en 2.843.117,97 euros respecto do anterior orzamento de 2023.

O alcalde, Blas García, volve a incidir en que “o Concello de Ames é un concello fundamentalmente prestador de servizos. Apostamos polos servizos de calidade para os veciños e veciñas de Ames, por iso o concello de Ames é o único de Galicia que ten un saldo vexetativo positivo, e é dos poucos concellos galegos que nos últimos anos medrou de maneira destacada, dobrando a súa poboación dende o ano 2000 ata a actualidade”.

O rexedor municipal amén destaca que “a pesar de non ser unha competencia propia do Concello estamos investindo o 22,30% do orzamento na área de educación, principalmente en servizos de conciliación, comedores escolares, ademais doutros investimentos nos centros escolares que non son competencia directa do concello, pero aínda así apostamos por prestar estes servizos”.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, destaca que “a aprobación do Orzamento de 2024 vai permitir poñer en marcha novos proxectos durante este ano. Temos unha nova empresa municipal de augas que pronto entrará en funcionamento. Imos crear un plan de saúde mental, un plan de Soidade 0, unha liña de axuda a deportistas de base e un plan de promoción turística. Tamén temos previsto licitar o mantemento do alumeado público e  facer melloras no servizo de recollida do lixo”.

Principais áreas de gasto
Segundo o Goberno local continuase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con transferencias do Estado, da Comunidade Autónoma e da Deputación da Coruña.

A principal área de gasto pasa a ser educación co 22,30% do total do orzamento. En dita área entran todos os servizos de conciliación que ofrece o Concello (comedores, lúdicos, Bos días coles, Tardes divertidas...).Esta área medra respecto a 2023 un 3,56%.

A segunda área con maior gasto é benestar comunitario co 16,80%, e na terceira posición está servizos sociais e promoción social, que representa o 9,80% do orzamento total. Outras partidas importantes son Vivenda e Urbanismo (6,80%), Cultura (6,30%), Medio Ambiente (4,40%), Infraestruturas (4,30%), Promoción do Emprego (3,70%) e Deportes (3,50%).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames vai activar un plan de saúde mental e outro de Soidade Cero"

Queda aprobado de xeito definitivo o orzamento de 2024 que supera os 32 millóns de euros