Pestanas principais

Queda aberta ao público a sétima edición da Feira do Comercio Val da Maía

Sábado, 16 de abril de 2011

[16-04-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, abriu ao público este sábado, ás 11:00 horas, a sétima edición da Feira do Comercio Val da Maía, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, e de outros membros do goberno municipal. Alí estiveron tamén o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera, e outros compoñentes da asociación. Ademais acudiron a este acto membros do grupo municipal do Partido Popular e do BNG de Ames. A feira de oportunidades poderase visitar os días 16 e 17 de abril, en horario ininterrompido de 11:00 h. a 21:00 horas. Antes da apertura do evento, o rexedor municipal, a concelleira de Promoción Económica e o presidente da ACB asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración para a celebración da VII Feira de Comercio Val da Maía.

A sétima edición da Feira do Comercio Val da Maía xa abriu as súas portas. Membros da corporación municipal, da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, dos establecementos participantes e dos medios de comunicación asistiron este sábado á apertura de portas oficial deste evento organizado no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

Previamente a este acto, o rexedor municipal, a concelleira de Promoción Económica e o presidente da ACB asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración para a celebración da VII Feira de Comercio Val da Maía. A Administración local realizará unha achega económica de 15.000 euros, equivalente ao 65,9% do gasto estimado declarado pola asociación, xunto co apoio de recursos humanos e de infraestruturas para a celebración deste evento. Nos últimos anos, o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) veñen colaborando na organización conxunta deste evento, cun importante éxito de vendas e asistencia de público.

Trala sinatura do convenio, o alcalde de Ames, Carlos Fernández, a concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, e o presidente da ACB, Juan Carlos Zaera, trasladáronse ata o pavillón de Bertamiráns, para asistir á apertura oficial da VII Feira do Comercio Val da Maía.

A quenda de intervencións foi aberta polo presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera, que lle dou a benvida a todos os amienses e ás autoridades que se encontraban no pavillón. Zaera agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Ames polo convenio que acabamos de asinar. "A través deste convenio o Concello achega unha contía de 15.000 euros, ademais de recursos humanos e de infraestruturas para a realización deste evento. Espero que todo saía moi ben e que esta VII Feira do Comercio Val da Maía sexa un éxito de ventas".

A continuación interveu a concelleira de Promoción Económica, Úrsula Seijas, que destacou "a estreita colaboración que se mantén entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns para a organización deste evento. Tamén agradezo aos comercios por apostar por esta fórmula de feira que fortalece o noso tecido comercial. Agora só agardo que este evento teña un grande éxito tanto a nivel de asistencia como de ventas".

A quenda de intervencións pechouna o alcalde de Ames, Carlos Fernández. O rexedor municipal incidiu en que "o éxito do comercio local é o éxito de todos e todas as persoas que residen en Ames e do propio Concello. Hai un ano dicíamos que tiñamos que pensar en novas fórmulas para desenvolver este evento. Todo o que sexa innovar é positivo pero de momento temos esta materia pendente. O noso papel é o de apoiar á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns que son os verdadeiros protagonistas deste evento".

A VII Feira do Comercio Val da Maía é un lugar de encontro onde mercar e vender produtos rebaixados e un pequeno avance dos desta temporada. Os comercios que van achegar os produtos a prezos rebaixados serán Angueira electrónica, Champion, Lolita Moda, Promociones Sant-Yago, Óptica Zaera, Miranda, Xplosion, Carmela Rendo, Outlet Charm, Tris-Tras, Andoriña, Duende Azul, Coket@s, Don Larpeiro, Xogamos, Fraber, Marlo, Spiral, Strass, Alejandra Pita, Milano, Haldeta, Obama, Queens e Hermo. Estes ofrecerán unha amplía variedade de produtos como roupa, complementos, calzado, enxoval do fogar, electrónica, artigos para bebés, gafas, etc.

Instalación dunha rede wifi

As instalacións dispoñen dunha gran amplitude e comodidade xa que hai 400 metros cadrados dedicados á colocación das casas de comercio. O Concello de Ames conta, como é habitual, con presenza institucional destacada nun stand de 50 metros cadrados, disposto na entrada principal. Ademais, este ano como novidade, o departamento de informática do Concello de Ames instalou no pavillón polideportivo unha rede wifi para que todos os comerciantes poidan conectarse á rede.

Tren turístico

O tren turístico percorrerá as principais rúas de Bertamiráns para fomentar a afluencia e facilitar o acceso ao pavillón. Ademais, con esta medida tamén se persegue que se mobilicen o menor número posible de vehículos privados para evitar atascos. Este servizo estará operativo o sábado e o domingo, en horario de 11:30h. a 13:30 horas e de 16:30 h. a 20:30 horas, de xeito que os e as amienses poderán gozar da vila de Bertamiráns e das actividades de animación na rúa, para despois subir ata o pavillón polideportivo. Establecéronse paradas nas rúas do Pedregal, Poeta da Maía, do Comaro e nas avenidas da Maía e da Peregrina.

Outros servizos

Dentro do pavillón, os e as asistentes poderán descansar entre compra e compra na cafetaría, ademais de beneficiarse do servizo de gardería. Os pequenos e pequenas de entre 2 e 12 anos tamén gozarán dun espazo de inchables e, no recinto exterior, haberá un parque lúdico de 200 metros cadrados para os rapaces máis maiores. Ademais, todos os visitantes que queiran quedarse a comer poderán facelo nunha carpa polbaría situada ao carón da entrada principal. A maiores, ao longo da xornada do sábado, Bertamiráns contará con animación na rúa para arrancar un sorriso a amienses e visitantes animando a todos e todas a achegarse ao recinto da Feira do Comercio.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El comercio de Bertamiráns se da cita hoy en el pabellón"
El Correo Gallego: "El comercio de Bertamiráns se da cita hoy en el pabellón"
El Correo Gallego: "El comercio de Bertamiráns se da cita hoy en el pabellón"
El Correo Gallego: "El comercio de Bertamiráns se da cita hoy en el pabellón"