Pestanas principais

Publícase a resolución provisional das axudas do PEL REACTIVA cofinanciado pola Deputación da Coruña

Venres, 26 de marzo de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, informa da resolución provisional do PEL REACTIVA que foi publicada este xoves, 25 de marzo, no Boletín Oficial da Provincia. As persoas beneficiarias deben facer a correspondente xustificación das axudas PEL REACTIVA. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan Reactiva Ames. Para iso deben achegar a través da Sede electrónica do Concello de Ames a documentación que se require. O Concello de Ames recibiu un total de 434 solicitudes.  Ames destina a esta liña de axudas un total de 582.547,86 euros. O Fondo de Financiamento constitúese cun 80% de achega da Deputación da Coruña e un 20% financiado con fondos propios do Concello. Deste xeito, o Concello de Ames achega 116.509,57 euros e a Deputación da Coruña concede 466.038,29 euros.

A finalidade destas axudas é facilitar medios ás microempresas e persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que teñan o seu domicilio fiscal no concello de Ames como concello adherido ao Fondo de Financiamento, para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19, e contribuirá súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan Reactiva Ames, que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames.

Deste xeito, presentáronse 434 solicitudes a esta liña de axudas. Houbo 299 solicitudes dentro do grupo I (microempresas e autónomos/as que se visen afectados polo peche); 68 do grupo II (microempresas e autónomos/as que non se visen afectados polo peche, pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos, nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma); e 67 do grupo III (microempresas e autónomos/as que se viran na obriga de acollerse a un ERTE).

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “unha vez revisada toda a documentación das solicitudes presentadas, este xoves 25 de marzo saíu publicada no BOP a resolución provisional para a concesión de subvencións para as axudas PEL Reactiva destinado aos concello de menos de 50.000 habitantes. As persoas beneficiarias deberán facer a correspondente xustificación das axudas PEL REACTIVA”.

Xustificación do PEL REACTIVA
As persoas beneficiarias deben facer a correspondente xustificación das axudas PEL REACTIVA. Para iso deben achegar a través da Sede electrónica do Concello de Ames a seguinte documentación:

-Anexo cuberto de xustificación das axudas PEL Reactiva.
-Facturas e xustificantes de pago admisibles, segundo se indica no anexo.
-Fotografía da publicidade.
-Certificado de estar ao corrente coa Axencia Tributaria de Galicia.

Na Sede electrónica do Concello de Ames, debaixo do apartado de Trámites en liña, habilitouse un procedemento que se denomina Plan de Emprego Local-Xustificación PEL REACTIVA. A través de dito trámite pódese achegar a documentación requirida.

Beneficiarios das axudas
As persoas beneficiadas destas axudas son traballadoras autónomas con, ou sen, traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se visen afectadas polo peche, a redución de ingresos ou os ERTES, debido a situación ocasionada pola Covid-19.

Os beneficiarios/as das axudas deben ter o seu domicilio fiscal no concello de Ames e non se lles permite ter débeda ningunha co Concello. Ademais, deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Deputación da Coruña, así como coa AEAT e coa TXSS.

Como requisito das persoas xurídicas, estableceuse que a data de constitución da empresa, atendendo á data de primeira inscrición, no rexistro público correspondente, debía ser anterior á entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

Criterios de valoración
As solicitudes que cumpren cos requisitos establecidos nas bases reguladoras, puntuáronse seguindo uns criterios de valoración como é o tipo de empresa, a súa forma xurídica, número de mulleres, menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional contratadas. Tamén se tivo en conta o uso da lingua galega na realizacións das súas actividades.

Estas axudas son compatibles con calquera outra concedida por entidades públicas ou privadas, sempre que o importe total das axudas percibidas polo mesmo concepto non supere o custo total dos gastos subvencionables polas presentes axudas, e ata un máximo de 40.000 euros. O importe de axuda a conceder será minorada na cantidade que exceda deste límite.

O Concello de Ames aboará o importe da subvención concedida logo da presentación dos xustificantes de gasto ou facturas electrónicas escaneadas, efectivamente pagadas dentro do período subvencionable, correspondentes aos gastos subvencionables. Os beneficiarios da subvención deberán presentar a documentación xustificativa referida expresamente aos conceptos de gasto que lle foron subvencionados.

PEL - Reactiva