Pestanas principais

Publícase o anuncio do proceso de licitación do proxecto da Travesía do Porto

Sábado, 26 de febreiro de 2011

[26-02-2011] O proxecto da Travesía do Porto vai dando pasos de xeito paseniño. Onte o Diario Oficial de Galicia recollía o anuncio do proceso de licitación, mediante procedemento aberto e tendo en conta como único criterio de valoración o prezo máis baixo ofertado. Deste xeito considerarase rexeitada calquera proposta na que o prezo ofertado sexa inferior ao 75% do orzamento de execución por contrata. Todas as empresas que o consideren oportuno deberán presentar as súas ofertas no rexistro xeral do Concello de Ames ata as 14:00 horas dos 26 días naturais seguintes ao da última publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto as ofertas poderanse entregar ata o 23 de marzo de 2011. A Travesía do Porto converterase deste xeito no principal viario da zona norte do Milladoiro. O presuposto de execución por contrata desta obra ascende ao importe de 2.402.883,23 euros.

As empresas que desexen optar a executar a urbanización da Travesía do Porto xa poden presentar as súas ofertas no rexistro xeral do Concello de Ames. Terán de prazo ata as 14:00 horas dos 26 días naturais seguintes ao da última publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia ou no Diario Oficial de Galicia. Posto que onte saía publicado o anuncio do proceso de licitación no DOG as empresas interesadas terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o día 26 de marzo.

A tramitación do proceso de licitación realizarase de xeito ordinario e premiando a oferta económica máis baixa. Para evitar que se presenten ofertas económicas temerarias considerarase rexeitada calquera proposta na que o prezo ofertado sexa inferior ao 75% do orzamento de execución por contrata. O orzamento base de licitación é de 2.036.341,72 euros, máis 366.541,51 euros de IVE. O importe total ascende a 2.402.883,23 euros.

A través deste proxecto executarase un dos proxecto máis demandados pola veciñanza do Milladoiro. Segundo se estipula no anuncio de licitación as obras terán un prazo de seis meses de duración aínda que iso dependerá de como se vaian desenvolvendo os traballos de urbanización e de diferentes circunstancias externas á Administración local.

A Travesía do Porto está situada nun enclave estratéxico dentro da zona norte do Milladoiro, xa que ao seu arredor foron construíndose urbanizacións residencias. Iso provocou que este viario sexa un lugar que conta cun importante tránsito, tanto de vehículos como de peóns. Por iso é importante dotala de amplas beirarrúas e espazos verdes que permitan aos peóns circular por este lugar sen preocuparse polo tránsito rodado.

Coa execución deste proxecto de urbanización preténdese humanizar unha das principais zonas residencias do Milladoiro e que está situada no medio dun ámbito onde está previsto unha futura expansión cara ao norte desta localidade. Este proxecto complementará as dotacións deportivas, recreativas e socioculturais xa existentes e que son de titularidade municipal. A urbanización deste viario vén determinada pola necesidade de ordenar as futuras implantacións residencias previstas no desenvolvemento dos ámbitos de solo urbanizable que existen nesa zona.

A urbanización deste viario esténdese nun tramo de 640 metros, que discorre dende a Avenida do Muíño Vello, ata o cruce coa rúa Madalena e a rúa Nova. O proxecto concíbese como un paseo urbano con importantes espazos de uso peonil. A travesía terá unha calzada central de 7 metros, con dous carrís de circulación e aparcadoiros laterais de 2,5 metros. Unha das beirarrúas será de catro metros, e a outra de oito, cun carril bici de 2 metros de ancho, e un espazo peonil de 5,75 metros. Tamén disporá de varias ringleiras de árbores na zona de aparcadoiro e nas beirarrúas.

Cómpre salientar que as prazas de aparcadoiro estarán separadas dos carrís de circulación e serán diferenciados mediante a colocación dun material distinto ao empregado na calzada. Deste xeito empregarase o formigón para intentar minimizar a presenza do material asfáltico no trazado da rúa. Por outra banda, o carril bici estará separado do resto da beirarrúa pola sucesión de alcorques e arboredo, e da zona de aparcamento mediante un seto, protexéndoo deste xeito dos vehículos.

Respecto do axardinamento contémplase a colocación de dúas ringleiras de árbores, unha en cada zona de aparcamento, ordenando así a disposición dos vehículos. Ao mesmo tempo está proxectado a implantación dunha segunda ringleira de árbores na beirarrúa de oito metros de amplitude e que contribúa a configuración do paseo urbano.

Financiamento da obra

O presuposto de execución por contrata da obra da travesía do Porto ascende ao importe de 2.402.883 euros. Este proxecto será sufragado polo Concello, na parte proporcional de solo que lle corresponde, así como polo resto dos propietarios dos ámbitos deste sector que terán que achegar as correspondes derramas en concepto de gastos de urbanización. Os propietarios de terreo en catro ámbitos deste sector achegarán un total de 1.849.213 euros o que representa o 76,5% do financiamento deste proxecto.

En canto ao Concello, é propietario dun 23,44% do solo o que significa que debe achegar 553.670 euros. Para poder sufragar este proxecto o pasado 16 de abril de 2010 asinouse un convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña que aportará 400.000 euros para a urbanización da Travesía do Porto. Polo tanto, o Concello só terá que chegar a diferencia que é de 153.670 euros.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Arranca el plazo para presentar ofertas para la urbanización de Travesía do Porto"