Pestanas principais

Publícase na web municipal a análise e diagnose da Axenda Urbana do Concello de Ames

Mércores, 14 de decembro de 2022

Dende a Concellaría de Educación e Axenda Urbana informan que xa está dispoñible para a súa consulta e información pública o documento relativo á análise e diagnose da Axenda Urbana do Concello de Ames. Dito documento, que foi elaborado pola empresa EOSA, forma parte do traballo realizado na primeira fase da Axenda Urbana de Ames. De seguido iniciarase a redacción do Plan Estratéxico de Acción Local (PEAL), correspondente á segunda fase da Axenda Urbana de Ames.

A elaboración da Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030, e máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. É importante para definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e para identificar e definir os principais retos e proxectos estratéxicos do concello, que haberá que afrontar durante a próxima década. Tamén é necesaria para canalizar boa parte dos fondos europeos ata 2030 e ser máis competitivos nas sucesivas convocatorias.

A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. Todas elas atravesadas pola identificación de actores, a participación e colaboración destes mesmos actores e a definición e aplicación dun modelo de gobernanza para o conxunto da estratexia. Neste momento o Concello de Ames atópase na fase de diagnose e avaliación, elaborando un primeiro documento de diagnose e análise estratéxica que permita iniciar un proceso de participación da axenda urbana de Ames informado e un debate en torno ás problemáticas e retos do concello baseado en datos.

O concelleiro de Educación e Axenda Urbana, David Santomil indica que “a Axenda urbana é a folla de ruta que marcará a estratexia e as acción a levar a cabo ata 2030, para facer das vilas e cidades ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados. Constitúe un verdadeiro menú á carta para que todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto, sustentable desde os seus distintos campos de actuación, poidan elaborar os seus propios Plans de Acción. Trátase dun documento estratéxico que persegue acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Datos na web sobre o avance da Axenda Urbana amesá"

Publícase na web municipal a análise e diagnose da Axenda Urbana do Concello de Ames