[21-09-2012] O curso de psicomotricidade educativa e preventiva, posto en marcha pola Concellaría de Servizos, comezará o día 1, 2 e 4 de outubro nas aulas de psicomotricidade dos colexios CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía e na Escola infantil do Milladoiro, respectivamente. Para que os pais e nais coñezan de primeira man o programa do curso de psicomotricidade educativa preventiva, desenvolveranse unhas xuntanzas informativas ao longo da próxima semana. O luns, 24 de setembro, haberá unha reunión no CEIP Agro do Muíño, o martes, 25 de setembro, realizarase no CEIP A Maía e o xoves, 27 de setembro, na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Todas as xuntanzas serán ás 17:00 horas da tarde.
A primeira semana de outubro dará comezo un novo curso de psicomotricidade educativa preventiva. Esta será xa a sétima edición deste programa dirixido a nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos empadroados no Concello de Ames. O obxectivo que persegue o curso é favorecer no neno a expresión das súas vivencias, medos e emocións dun xeito espontáneo.
Para que os pais e nais estean ben informados antes do inicio do curso de psicomotricidade educativa e preventiva, o departamento de Educación organiza unha serie de xuntanzas informativas durante a última semana de setembro. O CEIP Agro do Muíño acollerá a reunión o luns 24 de setembro, no CEIP A Maía a reunión terá lugar o martes 25, e na Escola Infantil do Milladoiro realizarase a reunión o xoves 27. Todas as reunións serán ás 17:00 horas da tarde. Tras estas xornadas informativas, os grupos de nenos e nenas comezarán o novo curso de psicomotricidade educativa preventiva a primeira semana de outubro.
No programa de psicomotricidade participarán un total de 96 nenos e nenas, que están divididos en 8 grupos de 12 nenos/as cada un. No CEIP Agro do Muíño impartiranse clases a dous grupos, ao CEIP A Maía asistiran un total de 36 nenos/as divididos en tres grupos, e na Escola infantil do Milladoiro haberá outros tres grupos. Cómpre salientar que quedan 4 prazas baleiras nun terceiro grupo que se organizaría no CEIP Agro do Muíño. Se se completan esas 4 prazas habería tres grupos neste colexio.
Desenvolvemento dos nenos/as
O programa de psicomotricidade educativa e preventiva busca traballar a expresividade motriz dos cativos e cativas para mellorar a súa relación co contorno e as condicións do seu crecemento como persoas. O obxectivo xeral que se persegue é apoiar e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas. Nas sesións traballarase o movemento, a expresión oral e corporal e as manifestacións gráficas e plásticas. Ademais, tamén están orientadas a que os nenos e nenas se acostumen a respectar os demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos.
Este curso é unha oportunidade ideal para que os nenos e nenas se movan nun espazo axeitado mentres estas actividades favorecen o desenvolvemento global da súa intelixencia e ofertan unhas bases sólidas para futuros aprendizaxes. Isto ten unha gran importancia durante a primeira etapa infantil, que vai ata os 6 anos aproximadamente, onde os cativos adquiren os coñecementos e aprendizaxes dun xeito práctico.
Os avances que fagan os nenos e nenas ata esta idade, 5-6 anos, a nivel motor van a permitirlles sentar as bases para estar preparados para outros aprendizaxes máis abstractos. Así por exemplo se un neno ou nena non experimenta suficientemente a nivel corporal, xogando con conceptos como arriba/abaixo, dentro/fóra, adiante/atrás... será moi complicado que adquira habilidades como a lecto - escritura xa que nelas van implícitos estes conceptos.





