[05-04-2014] O vindeiro luns, 7 de abril, comezan as actividades de animación á lectura que organizou a Biblioteca municipal de Ames para o mes de abril. Durante este mes a temática destas actividades xirará arredor dos contos clásicos. As novas sesións de contacontos desenvolverase nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen máis de 3 anos. En abril haberá dúas semanas de contos; a semana do 7 ao 10 e a semana do 21 ao 24 de abril.
Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
Este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.
Durante o mes de abril haberá novas sesións de contacontos que tratarán sobre os contos clásicos. Estas sesións de contacontos comezan o luns, 7 de abril, no local social de Augapesada, e continuarán o martes, 8 de abril, no local social de Bugallido. O mércores 9 de abril tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 10 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns. Durante esta semana contaranse os seguinte contos: As manoplas de Carapuchiña, Garavanciño e A auténtica historia dos tres porquiños! Por S. Lobo.
As sesións de contacontos continúan o luns, 21 de abril, no local social de Augapesada, o martes 22 terán lugar no local social do Bugallido, o mércores 23 na Biblioteca municipal de Bertamiráns e o xoves 24 na Biblioteca municipal do Milladoiro. Durante esta semana contaranse os seguinte contos: Confundindo Historias, As aventuras de Don Quixote e O xastriño valente. Todas as sesións de contacontos comezan ás 18:00 horas. Ademais, este mes e para conmemorar o Día do Libro, que se celebra cada 23 de abril, os nenos e nenas participarán nun obradoiro de marcapáxinas.