[28-09-2013] O luns 30 de setembro comezan as actividades de animación á lectura para o público infantil nas Bibliotecas municipais de Ames. Una ano máis impartiranse varias sesións de contacontos que están dirixidas aos nenos e nenas de máis de 3 anos. Os contacontos realizaranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. A temática dos contos correspondentes ao mes de outubro será a amizade. Por outra banda, desenvolverase un obradoiro para nenos e nenas de máis de oito anos que se levará a cabo o venres 11 de outubro na Biblioteca do Milladoiro e o venres 18 na Biblioteca de Bertamiráns. Para participar neste obradoiro é necesario inscribirse previamente.
Diario de lecturas
Ademais, durante o mes de outubro vaise realizar un obradoiro denominado Ven á biblioteca e fai o teu diario de lecturas. Esta actividade, que está dirixida aos nenos e nenas de máis de oito anos, levarase a cabo o venres 11 de outubro na Biblioteca do Milladoiro e o venres 18 na Biblioteca de Bertamiráns. Este obradoiro combinará a expresión plástica co fomento da lectura, de maneira que os participantes poderán elaborar coas súas propias mans un diario de lecturas.
Para participar neste obradoiro é necesario inscribirse previamente. Para participar no obradoiro da biblioteca do Milladoiro haberá que inscribirse entre o 30 de setembro e o 9 de outubro na propia biblioteca desta localidade ou chamando ao número de teléfono 981 530 807, mentres que para participar no obradoiro de Bertamiráns hai que realizar as inscricións entre o 7 e o 16 de novembro. Neste caso hai que anotarse na biblioteca de Bertamiráns de xeito presencial ou chamando ao número de teléfono 981 884 829.
Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante o mes de outubro a temática das sesións de contos xirará arredor da amizade. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.
Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezan o luns, 30 de setembro, no local social de Augapesada, e continúan o martes 1 de outubro no local social de Bugallido. O mércores 2 de outubro tócalle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal de Bertamiráns, mentres que o xoves 3 celebraranse na Biblioteca municipal do Milladoiro. As sesións de contacontos comezarán en tódolos lugares ás 18:00 horas.




