Pestanas principais

Proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 situada no Milladoiro

Luns, 13 de novembro de 2017

[13-11-2017] O goberno municipal presentou no local social de JUPEMI, ante un grupo de 40 veciños/as, o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro. Deste xeito, trátase de regularizar a situación irregular dunhas 200 vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande. A arquitecta municipal, Marta Bellas, e mailo arquitecto que redactou o proxecto de obras que se van a executar, David Fernández, explicáronlle aos veciños/as afectados/as os traballos que se fan a realizar. Premendo nas ligazóns que están ao final deste aviso poderás obter a documentación explicativa de dito proxecto.

A remodelación proposta supón principalmente acadar o cumprimento da obriga de accesibilidade á referida zona verde. Para o financiamento desta obra o Concello incautou avais por valor de 356.818,30 euros. Coa aprobación deste proxecto poderase abrir un proceso de licitación para adxudicar as devanditas obras. Estes bloques de vivenda (unhas 200 vivendas) están sen recibir por parte do Concello e polo tanto as vivendas non contan con licenza de primeira ocupación. Trátase de arranxar unha vella reclamación da veciñanza deste lugar do Milladoiro. A xuntanza mantida no local social de JUPEMI asistiron un grupo de 40 veciños/as afectados por esta situación.

A través das obras que se van a realizar preténdese abrir os espazos verdes que están pechados polos bloques de vivendas que lindas coas rúas Costa Grande e Figueiras, así como coas Travesías Rosalía de Castro e da Moa. Esta zona está sen recibir por parte do Concello de Ames xa que os accesos a ditos espazos públicos non cumpren a normativa vixente ao non ser accesible.

O obxectivo é anchear os accesos existentes e crear tres plataformas de acceso con ramplas que cumpran a normativa. Ademais, haberá que reconfigurar a rede de pluviais, sacar as luminarias e volver a colocalas, etc. O obxectivo é converter este espazos público nunha praza accesible e de cara ao futuro dotalo dos elementos de mobiliario urbano necesarios.

Proxecto de arranxo da urbanización PM5-03 (estado actual).
Proxecto de arranxo da urbanización PM5-03 (seccións).
Proxecto de arranxo da urbanización PM5-03 (planos do proxecto).
Proxecto de arranxo da urbanización PM5-03 (documentación técnica).