Pestanas principais

A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres coa representación da obra O servidor de dous amos

Martes, 10 de abril de 2018

[10-04-2018] Este venres, 13 de abril, a compañía Talía Teatro traerá a Ames a obra O servidor de dous amos, que será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 21:00 horas. Con esta peza, a compañía fai unha revisión do clásico homónimo, referente por excelencia da Commedia dell’Arte, na que se respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, sen deixar de incorporar novas formas de teatralidade. As entradas xa se atopan dispoñible na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden mercar, anticipadamente, nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

A peza O servidor de dous amos será posta en escena por oito intérpretes, responsables de desenvolver un espectáculo de grande formato, onde todo será posible, onde a mentira e a confusión serán a base do xogo, onde os distintos espazos mudarán á vista do público e onde se rirán de todo e de todos. Esta revisión dunha das obras referentes da Commedia dell’ Arte recolle, deste modo, unha das súas características esencias, que é a construción dunha panorámica cómica e irreverente sobre a sociedade do momento.

Neste sentido, esta renovada versión da obra trata de construír un xoguete escénico onde os contratos matrimoniais da peza orixinal son substituídos por contratos de construción, onde nobres e mandatarios son cambiados por empresarios e políticos, ofrecendo un retrato irreverente da nosa sociedade. O servidor de dous amos é, polo tanto, un espectáculo trepidante e deslinguado, tan mordaz como divertido. 

As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de cinco euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.


Contido relacionado


Lindeiros: "O servidor de dous amos de Talía Teatro este venres en Ames"
Compostela 24 horas: "La programación teatral del Concello de Ames continúa este viernes con la representación de la obra O servidor de dous amos"