Pestanas principais

A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres coa representación da obra Bicos con lingua

Mércores, 03 de outubro de 2018

[03-10-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 5 de outubro, ás 21.00 horas, a representación da peza teatral Bicos con lingua, dirixida por Avelino González. A obra, interpretada por Toño Casais e Arthur Trillo, é un espectáculo en clave de comedia no que, a través de diversas situacións cotiás, se invita ao espectador a realizar unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros, en tarifa xeral, e 2,5 euros na reducida.

Bicos con lingua engloba unha serie de sketchs a través dos que os actores Toño Casais e Arthur Trillo representan escenas da vida cotiá ante un espectador que se converte en testemuña do uso que facemos do galego no día a día. Así, ao longo dos cincuenta e cinco minutos que dura a obra, búscase que o público, ademais de pasalo ben, salga con gañas de redescubrir a lingua galega e a súa riqueza.

Esta peza, elaborada por nomes tan coñecidos como Avelino González, Cándido Pazó, Xavier Lama, Suso de Toro, Ana Iglesias, Núñez Singala e Marta Echeverría; nace dun sentimento de amor cara o galego. Por iso, a través da comedia, pretende facer partícipes aos espectadores do problema real polo que está a pasar esta lingua, que se fai visible na nosa relación con esta lingua.

Así, esta obra, coa que a compañía Talía Teatro está recorrendo Galicia con gran éxito, chega á Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 5 de outubro, ás 21.00 horas, destinada a un público adulto. As entradas, que xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: ""Bico con lingua" chega hoxe á Casa da Cultura do Milladoiro"
Amsgo: "A programación teatral do Concello continúa este venres, día 5, coa obra Bicos con lingua no Milladoiro"