Pestanas principais

A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres coa obra “O Electo”

Xoves, 06 de febreiro de 2020

Continúa a programación de teatro do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2020 co espectáculo “O Electo” da compañía Contraproducións S.L. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 7 de febreiro, ás 21.00 horas, esta peza teatral que está destinada a un público adulto. Na billeteira electrónica do concello xa non quedan entradas dispoñibles para a venda online, sen embargo, aínda se poden mercar entradas na Casa da Cultura unha hora antes do comezo da función. Resérvase o 10% das entradas para vendar o propio día do espectáculo.

A programación cultural do Concello de Ames continúa, despois do éxito do espectáculo “Curva España”, de Chévere, que se representou o venres pasado e no que houbo un cheo absoluto na Casa da Cultura de Bertamiráns. Mañá venres, 7 de febreiro, é a quenda da obra “O Electo” de Contraproduccións S.L. Unha comedia dirixida por Cándido Pazó, con texto orixinal de Ramón Madaula e interpretación de Manu Baqueiro e Antonio Mourelos.

A obra representa como nun hipotético tempo, nunha suposta situación, por un deses azares da aritmética parlamentaria e das conxunturas políticas... un candidato a presidente da Xunta consigue o seu propósito, a grande meta da súa vida. O día da toma de posesión, a piques de dar o discurso de investidura, aparece un atranco inesperado: un estraño e choqueiro tic nervioso ameaza con ridiculizar, ou mesmo arruinar, tan solemne e esperado momento.

Alarmado, reclama asistencia médica. E un psiquiatra acode para o atender e tratar de arranxar, en escaso tempo, tan inoportuno trastorno, iniciándose unha sesión urxente na que, nun contexto de humor agudo e sarcástico, asistiremos a unha batalla entre o político e o facultativo. Que esconde cada cal? Cales son as verdadeiras intencións de un e outro? Que feitos da nosa vida marcan o noso futuro e, sobre todo, a nosa vocación?

13 funcións postas en escena por 9 compañías
A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou “o éxito que está acadando esta programación teatral para o primeiro semestre de 2020, esgotándose as entradas na billeteira electrónica do concello nestas primeiras dúas funcións, Curva España e O Electo”. Aínda así recordou que hai un 10% do total das entradas dispoñibles para o propio día do espectáculo.

Natividade González engadiu que “durante estes primeiros meses do 2020 a programación inclúe 13 funcións postas en escena por 9 compañías, polo que seguiremos tendo teatro durante todas as fins de semana agás o venres de Entroido e venres de Semana Santa”. Cómpre recordar que a representación destes espectáculos alternase entre os auditorios de Bertamiráns e Milladoiro.

Podes consultar a programación cultural do primeiro semestre de 2020 premendo neste enlace.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres coa obra O Electo"

O Electo