[18-01-2018] Este venres, 19 de xaneiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 21:00 horas, a representación da obra Nacidas Libres, do dramaturgo Cándido Pazó. A peza, que se encadra dentro da programación semestral de teatro do Concello de Ames, aborda a historia de catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo. As entradas xa se atopan á venda na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden mercar, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo. A programación semestral de teatro do Concello de Ames integra a representación de 10 obras máis ata maio, que estarán dirixidas tanto a un público adulto como infantil.
Nacidas Libres é a obra que dará inicio á programación teatral do Concello de Ames deste ano 2018, a cal inclúe, no total, 11 obras destinadas tanto a un público adulto como infantil. A obra será representada este venres, 19 de xaneiro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
A obra aborda a historia de catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo polo que, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza. Para iso, xúntanse nunha aula de cultura, hai anos pechada, dunha entidade bancaria, que hai anos cambiou de nome.
Estas catro actrices, en vista de que non atopan textos para catro mulleres, aventúranse a promovelo elas mesmas, encomendándollo a unha escritora nova que vive emigrada, partindo dunha noticia aparecida nos xornais: o rescate, por parte da policía, de tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago. A peza, que estará protagonizada por Mónica Camaño, Susana Dans, Casilda Alfaro e Rocío González, porá o foco na liberdade e na xustiza desde a perspectiva das mulleres. A obra Nacidas Libres, de Contraproducións S.L, preséntase baixo a dirección de Cristina Domínguez, a partir dun texto do dramaturgo Cándido Pazó.
As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir, de xeito anticipado ou presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, presencialmente, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de cinco euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. A obra está destinada a un público adulto.





