Pestanas principais

A programación infantil con Apego recolle preto de 30 actividades para as persoas miúdas da casa

Martes, 20 de setembro de 2016

[20-09-2016] O Concello de Ames vén de publicar a variada programación infantil, que está organizada polos diferentes departamentos municipais, para os vindeiros meses (setembro, outubro, novembro e decembro). Por primeira vez editouse un folleto informativo que recolle toda a programación infantil (teatro, concertos, actividades ambientais, contacontos, charlas, maxia, danza, etc.). A programación comeza esta semana con contacontos e unha actividade ambiental.

Actividades de outubro
O mes de outubro arrinca con dúas sesións de contacontos. Na primeira, baixo o nome Cousas delas, cousas deles, cousas de todos, narraranse historias sobre a igualdade de xénero. A primeira sesión celebrarase o mércores 5 na biblioteca de Bertamiráns e a segunda o xoves 6 na do Milladoiro. Na terceira semana do mes os contacontos volven ás bibliotecas. A actividade Iguais e diferentes agrupa contos sobre o respecto á diversidade. Desenvolverase o mércores 19 no Milladoiro e o xoves 20 en Bertamiráns. Este mes, o venres 7, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle, ás 18:30 horas, a representación de O poder de Amabel. A actuación de Victoria Pérez e de Manu Fernández mestúrase co uso dos monicreques para contar a historia de Amabel. Unha rapaza nada no seo dunha familia con poderes extraordinarios, na que ela é a única que descoñece a natureza do seu don. Decidida a descubrilo emprende unha viaxe chea de aventuras co seu amigo Braulio.

O sábado 8 continuará a programación co obradoiro Contacto natural. Dirixido a familias con bebés de 0 a 2 anos nesta actividade traballarase o sentido do tacto, da vista e da audición das persoas máis pequenas da casa. Estar dende cativos en contacto con texturas, cores e sons naturais achégalles aos bebés unha harmonía na natureza que os continuará acompañando a medida que medren. Para esta actividade, que ofrece 20 prazas, será necesaria a inscrición previa na Aula da Natureza.

Programación para novembro
Novembro comeza tamén con actividades de contacontos nas bibliotecas municipais. A sesión Cabemos tod@s xira en torno a relatos de integración. Terá lugar o mércores 2 en Bertamiráns e o xoves 3 no Milladoiro. Nada é como parece engloba historias protagonizadas por personaxes nada típicas. A primeira quenda celebrarase o mércores 16 no Milladoiro e a segunda en Bertamiráns o xoves 17. Neste mes o auditorio do Milladoiro acolle un novo espectáculo familiar: Rubicundo, da compañía Teatro dos Ghazafelhos. A obra representarase o venres 4, ás 18:30 horas, e conta a historia de Rubicundo, quen cada noite marcha da casa montado na súa bicicleta vestido cun gabán e con sombreiro de copa. Ninguén repara nel agás Erea, unha nena que desexa coñecer a súa historia.

Tamén en novembro organízase a charla-obradoiro Os/as nenos/as e a lingua, unha oportunidade, para as familias con crianzas pequenas ou a punto de telas. Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC e escritor falará coas nais e pais en torno as cuestións Como transmitirlles a lingua aos bebés?, Que falarlles?, Como van falar? ou Por que?. Terá lugar o venres 18, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A programación de novembro remata cun espectáculo de maxia infantil, que acolle a Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 25, ás 18:30 horas, dentro do marco do Festival de Maxia de Ames.

Espectáculos para as vacacións de Nadal
Decembro comeza, como os meses anteriores, con dúas sesións de contacontos diferentes. A primeira Princesas, cabaleiros e familias sorprendentes xira en torno a narracións que queren rachar cos estereotipos de xénero. O mércores 30 de novembro celebrarase en Bertamiráns e o xoves 1 de decembro no Milladoiro. A segunda, Trompas, raias e bocexos que cambiaron a historia, traballará a temática do respecto ás diferenzas. Terá lugar no Milladoiro o mércores 14 e en Bertamiráns o xoves 15.

Este mes ofrece distintas obras e espectáculos para as vacacións de Nadal, pensados para todos os membros da familia. O luns 26 o musical Carapuchiña Vermella representarase na Casa da Cultura do Milladoiro ás 17:00 horas. O martes 27 a compañía de circo TresPediante presenta o seu espectáculo Up2Down tamén no auditorio do Milladoiro, ás 17:00 horas. O mércores 28 o mesmo centro sociocultural acolle o concerto do grupo Odaiko ás 18:00 horas. Os músicos empregarán monicreques e integrarán ao público nun espectáculo con moito humor e retranca. Para finalizar a programación destes catro meses Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto achegaranse o xoves 29 a Bertamiráns, para representar e poñer música á peza O bigote de Mimí, que conta as aventuras do gato que leva este nome. O espectáculo comezará ás 17:00 horas.

Dentro do programa Apego hai distintas actividades, cuxa organización se corresponde a varios departamentos municipais que traballaron en conxunto para o seu desenvolvemento. As entradas para as representacións que se levarán a cabo nos auditorios dos centros socioculturais do Milladoiro e de Bertamiráns adquiriranse a través da Billeteira electrónica do Concello, ou nos despachos de billetes dos auditorios unha hora antes do comezo do espectáculo. Para inscribirse nos obradoiros organizados pola Aula da Natureza -ambos contan con prazas limitadas- pódese chamar ao teléfono 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Por outra banda, as sesións de contacontos terán lugar nas dúas bibliotecas municipais. A entrada a estas actividades é libre e de balde, pero quen queira solicitar máis información respecto ás sesións de contos pode chamar ao teléfono 981 884 829, en Bertamiráns, ou 981 530 807, no Milladoiro. Todas as sesións de contacontos terán lugar ás 18:00 horas. Na páxina web municipal publicarase máis información sobre as actividades a medida que se achegue a súa data.

No mes de setembro a oferta cultural inclúe dúas sesións de contacontos e o inicio da actividade Horta Divertida, que continuará ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. A narración de contos é unha das actividades que se celebra de xeito asiduo nas bibliotecas municipais. Neste caso o contador de contos, Anxo Moure, coñecido como o Carballo con Botas, visita este mércores 21 a biblioteca de Bertamiráns e o xoves 22 a do Milladoiro. Chegará montado na súa Titiricleta, con dous teatriños de monicreques. Na súa mochila trae os monicreques tecidos polas mulleres integrantes de cooperativas de comercio xusto en Bangladesh. Estas ferramentas emprégaas o Carballo con Botas para relatar contos, viaxes fantásticas pola India, por Guatemala e outros destinos. Narracións coa mensaxe da procura da paz sempre de fondo.

A Horta Divertida é un obradoiro organizado pola Aula da Natureza que quere achegar ás crianzas dun xeito práctico ao mundo da horta. Levarase a cabo en catro sesións: o 1 de outubro, o 22 de outubro, o 26 de novembro e o 17 de decembro. Nelas pequenos e pequenas interactuarán coa terra, coas plantas, aprenderán a distinguir tipos de bechos, e cales entre eles poden axudar a que os vexetais e froitos medren sans. Nesas tardes seguirase o ciclo natural da horta e fomentarase o gusto polo traballo en equipo. A actividade está dirixida a nenas e nenos de 3 a 6 anos. Ofrécense 20 prazas e para realizar a inscrición deberase contactar coa Aula da Natureza.