Pestanas principais

A programación infantil con Apego presentouse esta mañá no salón de plenos do Concello de Ames

Venres, 31 de xaneiro de 2020

A programación de Apego para os vindeiros meses presentouse hoxe no salón de plenos do Concello. Nela estiveron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a concelleira de Cultura, Natividade González, e a técnica municipal Rosa Moreiras. Desta volta, a programación vén cunha morea de actividades para os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Música, contos, arrolos, teatro, xogos, espectáculos, obradoiros…para que as crianzas e as familias poidan gozar, aprender e socializar.

A programación infantil con Apego realizouse en colaboración cos departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. Está pensada para un público familiar, con especial incidencia nas familias con crianzas dos 0 a 6 anos. Entre os obxectivos deste programa de actividades está achegarlles recursos ás familias para o tempo de lecer, para introducilas no ámbito da clutura e para favorecer e arroupar a transmisión lingüística.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, declarou que "un dos obxectivos desta programación é que as familias tomen conciencia da súa importancia na transmisión da lingua ás crianzas, xa que os cativos e cativas falan o que nós lle falamos".

Ademais, a concelleira explicou unha das novidades nos soportes de difusión desta programación: "este ano, ao abeiro do programa Apego, distribuiranse nas consultas de pedatría dos centros de saúde amesáns uns adhesivos atractivos para as crianzas que contribúan a facer máis agradable o seu paso pola consulta e que, a maiores, servirán para que as familias poidan descargar desde o móbil programación infantil do concello, a través dun código QR.

Proseguiu Rosa Moreiras, a técnica de Normalización Lingüística do concello, indicando que "en todas as actividades que recolle o programa van indicacións de como inscribirse ou de como adquirir unha entrada e, dado que son actividades moi demandadas, é  recomendable reservar nos primeiros días dos prazos establecidos". Tamén explicou que, "á hora de elaborar a programación se tiveron en conta as valoracións e as propostas das familias que xa forman parte do programa Apego do Concello de Ames.

Para rematar coas intervencións, a concelleira de Cultura, Natividade González, recalcou que "Ames é un concello que xa vén apostando pola programación infantil dende hai anos e este semestre continúase a facer con compañías destacadas como son XamPatito Pato, A Gramola Gominola ou Talía Teatro". Ademais, destacou tamén o papel do Departamento de Bibliotecas que todos os meses programa sesións de contos para nenas e nenos de 3 a 8 anos con diferentes temáticas.

A programación para o mes de febreiro
No mes de febreiro arrinca o programa con diversas actividades, como dúas sesións de contacontos con Contos para rir, os días 5 e 6 de febreiro, nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Ao día seguinte, a actuación musical Bravas. O rexurdir da luz! da Gramola Gominola na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A seguinte semana de febreiro, o xoves 13, levarase a cabo unha sesión de contos, poemas, xogos de mans e música, para familias con crianzas de 0 a 3 anos ou que estean agardando un bebé da man de Cris Caldas e Xabi do Camiño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O mércores 19 e xoves 20, outras dúas sesións de contacontos con Nais; non hai dúas iguais.

Posteriormente, o venres 21, terá lugar unha Foliada con Apego dinamizada por Pablo Díaz e Olga Kirk, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para rematar o mes, unha sesión de Arrolos e colos musicais, coa especialista en estimulación musical temperá Leticia Falcón, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Para consultar máis actividades de programación nos próximos meses, horarios, ou saber como inscribirse nas actividades, podes consultar o programa completo anexo a esta nova ou premer neste enlace.

O proxecto de Apego
As familias que estean interesadas no proxecto Apego poden atopar ampla información tanto na súa páxina web www.apego.gal como no seu perfil de Facebook.

De estar interesados en inscribirse, pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística chamando ao 662 377 215 ou a través destes formularios: http://apego.gal/sumate/ e https://www.concellodeames.gal/gl/form/sumete-ao-apego-sumadevos-ao-apego. Desde o SNL poranse en contacto coas persoas interesadas para concertar unha cita e explicarvos o proxecto polo miúdo e para que poidades inscribirvos formalmente e recibir os materiais de benvida. Dende ese momento estaredes infomados/as das actividades, recursos, servizos e materiais que poderán facilitar a tarefa de criar na nosa lingua.

Programación infantil con Apego

Multimedia

  • Programación infantil con Apego
  • Programación infantil con Apego
  • Programación infantil con Apego
  • Imaxe do cartel da programación infantil con Apego