Pestanas principais

A programación infantil con Apego encherá a primavera amesá con música, contos, teatro, obradoiros diversos e saídas ambientais

Martes, 27 de febreiro de 2018

[27-02-2018] O Concello de Ames acaba de presentar a programación infantil con Apego para esta primavera, con preto dunha vintena de iniciativas que se desenvolverán ao longo dos meses de marzo, abril e maio. O próximo venres, 2 de marzo, o Pazo da Peregrina acollerá a primeira das actividades, unha Foliada que comezará ás 18:00h e que reunirá a familias con crianzas sen límite de idade. As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, o seu nome e apelidos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición remata o vindeiro 1 de marzo. Premendo no enlace que está á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto da programación con información sobre cada unha das actividades. Neste folleto aparecen os departamentos aos que te terás que dirixir no caso de querer obter máis información sobre algunha das propostas.

A programación primaveral con Apego do Concello de Ames diríxese a un público familiar, con especial incidencia nas familias con crianzas de 0 a 6 anos, e ten como un dos obxectivos transversais contribuír á socialización en galego da infancia. Acolle o desenvolvemento de diferentes actividades, cuxa organización corresponde aos diferentes departamentos municipais que traballan conxuntamente para a súa elaboración: Normalización Lingüística, Cultura, Educación e Medio Ambiente.

Marzo con Apego: foliada, contos, teatro e ciencia
A programación estréase este venres, 2 de marzo, coa celebración dunha Foliada con Apego, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 18:00 horas. Esta actividade busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas.

O programa infantil con Apego continúa no mes de marzo coas sesións de Contacontos na biblioteca, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do concello. Gato, Gato é o título das sesións de contos do mércores, 7 de marzo, en Bertamiráns, e do xoves 8 no Milladoiro. Nada é o que parece será o nome das sesións que terán lugar o mércores, 21 de marzo, no Milladoiro e o xoves 22 en Bertamiráns e nas que se poderán descubrir contos cheos de sorpresas. Dirixidas a crianzas entre os 3 e os 8 anos, todas as sesións de contos na biblioteca comezan ás 17:00 horas. As familias interesadas poderán achegarse estes días ás bibliotecas para gozar, aprender e ir tecendo o seu universo literario.

Este mes tamén acollerá a representación da obra teatral Pum, pum!, de Baobab Teatro S.L, que terá lugar o venres 9, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro para un público familiar con crianzas a partir de 5 anos. Pun, pum! é un espectáculo de monicreques, teatro de actor, máscaras e sombras, con música orixinal interpretada en directo. As entradas poderanse adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Os obradoiros de marzo achegarán aos máis cativos á ciencia a través da actividade Peque Ciencia Divertida, unha serie de obradoiros manipulativos nos que as nenas e os nenos participantes se introducirán na ciencia dun xeito divertido a través de experimentos, xogos, vídeos... A actividade, que estará dirixida a crianzas entre os 3 e os 6 anos e que precisa inscrición previa, desenvolverase os xoves 10 e 17 de marzo, das 12:00h ás 13:00 horas, no Pazo da Peregrina.

Cantacontos para bebés, de Pablo Díaz, é a proposta que trae este mes para a xente máis miúda da casa, para familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos de idade. Será o venres 16 na Casa da Cultura de Bertamiráns, con dúas sesións, a primeira ás 18.00 h e a segunda ás 19.00 h. Nela Pablo Díaz fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas ás primeiras idades. Para conseguilo, axudarase de instrumentos como a frauta, a guitarra e a harmónica e dalgún dos seus temas máis populares.

Abril con Apego: contos, teatro, arrolos, poesía e natureza
O mes de abril comezará novamente con duplas sesións de contos, tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. A primeira delas, centrada en historias de crocodilos, titúlase Croco-croco e será o mércores 4 en Bertamirás e o xoves 5 no Milladoiro. As sesións do mércores 18 no Milladoiro e do xoves 19 en Bertamiráns denomínanse Todos/as cantar! e nelas cantaranse contos.

A compañía Malasombra producións traerá en abril a obra Os fabulosos cleaners á Casa da Cultura de Bertamiráns. A peza está protagonizada por dous operarios da limpeza dun teatro que descobren, por casualidade, as posibilidades das súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A obra representarase o venres, 6 de abril, ás 18:00 horas. As entradas poderanse adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Para os sábados 7 e 21 de abril está programado un paseo sensitivo polo bosque de Agrón, encadrado no programa Con-tacto Natural. O obxectivo desta iniciativa é achegar ás cativas e cativos á natureza a través dos olores, das texturas, das cores e dos sons naturais. Dirixida a crianzas entre os 2 e os 7 anos, a actividade contará con servizo de autobús e precisa inscrición previa. As saídas serán ás 10:30h da Casa da Cultura do Milladoiro e ás 10:45 h da Praza do Concello de Bertamiráns.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan cativos de 0 a 3 anos teñen unha cita con Xavier Díaz e Guillerme Fernández para aprender cantos de berce e comezar así a transmitir a lingua e a música desde o berce. Arrolos de Salitre, de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, desenvolverase o xoves 12 de abril no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá dúas sesións: unha ás 18:00 h e outra ás 19:00 h. O prazo de inscrición desta actividade estará aberto do 3 ao 11 de abril.

O espectáculo-recital poético, A poesía é un globo, terá lugar o venres 13 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e está destinado a familias con nenas e nenos entre os 3 e os 6 anos. A actividade correrá a cargo de Fran Alonso e buscará espertar o interese pola poesía e o ritmo a través de diferentes recursos como a oralidade, a lectura e a música, combinados con varaidas propostas visuais. O prazo de inscrición abrirá o 3 de abril e pechará o día 12 dese mes.

O venres 27 terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro a representación da obra teatral O secuestro da bibliotecaria. A peza, unha produción de Sarabela Teatro, aborda a historia do secuestro da empregada da biblioteca da vila de Parangón, dun consello municipal que non sabe que facer e dunha banda de secuestradores con varicela. A obra, dirixida a un público entre os 5 e os 12 anos, comezará ás 18:00 horas. As entradas estarán previamente dispoñibles na Billeteira electrónica.

Maio con Apego: contos, música e teatro
A programación do Apego para o mes das letras comezará e rematará tamén con contos nas bibliotecas municipais do concello. O mércores 2 en Bertamiráns e o xoves 3 no Milladoiro desenvolveranse as sesións Inventando contos. O martes 15 en Bertamiráns e o xoves 16 no Milladoiro serán os días de Tic.. tac.. tic... tac... . Finalmente, as últimas sesións de maio traerannos historias de roupa, Contos no tendal, e terán lugar o mércores 30 en Bertamiráns e o xoves 31 no Milladoiro.

O venres, 4 de maio, é o día da contada musical As aventuras de Mamá Cabra. Será ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ese día, Gloria Mosquera, creadora das cancións de Mamá Cabra, acompañada por Iago Rodríguez ás teclas e á percusión, levaranos de viaxe pola música deste coñecido grupo. Dirixida a nenas e nenos de entre 1 e 4 anos, a inscrición para asistir a esta actividade deberase realizar entre o 24 de abril e o 3 de maio.

A programación con Apego do Concello de Ames para a primavera rematará co espectáculo sensorial participativo Minia convídate a xogar, de Babaluva Teatro. Será para familias con crianzas de 1 a 6 anos e desenvolverase o venres, 25 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, con dúas sesións: unha ás 18:00h e outra ás 19:00 horas. Este espectáculo resalta a importancia do xogo creativo e intenta fomentar nas crianzas e nas familias a creatividade e a comunicación cos obxectos que nos rodean. O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 15 e o 24 de maio. En cada unha das actividades que recolle este programa aparece o departamento que organiza, co obxectivo de que as persoas interesadas en obter máis información poidan dirixirse a el a través dos contactos que aparecen no propio folleto.

Información e inscrición das familias no programa Apego
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística municipal para inscribirse e recibir información de actividades e recursos que faciliten a socialización en galego da infancia. Ademais, se o neno ou nena ten menos dun ano, recibirán unha caixiña de benvida con recursos útiles para a crianza. Pode solicitarse unha cita a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse a páxina web www.apego.gal

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La primavera se anticipa ya en Ames con Apego y Teatro"