Pestanas principais

A programación de teatro para o primeiro semestre de 2020 arranca este venres, 31 de xaneiro, co espectáculo Curva España

Xoves, 30 de xaneiro de 2020

A programación de teatro do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2020 arranca con Curva España do Grupo Chévere. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá está función de teatro contemporáneo este venres, 31 de xaneiro, ás 21.00 horas. Na billeteira electrónica do concello xa non quedan entradas dispoñibles para a venda online, sen embargo, aínda se poden mercar entradas na Casa da Cultura unha hora antes do comezo da función. Resérvase o 10% das entradas para vendar o propio día do espectáculo.

Curva España é un espectáculo de formato medio, de 90 minutos de duración, con catro persoas operando en escena: unha actriz, un actor e dous operadores de vídeo. Trátase dunha peza que ironiza sobre o xénero documental combinando o teatro e o cine en directo. Unha alegoría sobre España que serve como un relato local que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), para confrontar a realidade coa ficción, a historia coa lenda.

Trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, Chévere artella unha narración escénica que adopta o formato dun documental, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español como se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque España chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunca curva afastada.

O obxectivo desta peza representada por Patricia de Lourenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leticia Blanco non é representar o real recreando situacións do pasado, senón   facer que a representación en si mesma sexa real. Unha representación que integra unha narrativa cinematográfica documental construída en directo a partir da mestura de escenas con actores filmadas en tempo real á vista do público e entrevistas filmadas con persoas reais.
 
Compre engadir que o Grupo Chévere é unha compañía de axitación teatral que nace no 1988, que conta con actuacións en centos de pobos e cidades de toda Galicia, España, Portugal, e outras países europeos e latinoamericanos. Usando ó humor como filosofía e e a risa como expresión, algunhas das súas obras máis recentes son Eroski Paraíso (2016), As Fillas Bravas (2015), Ultranoite no País dos Ananos (2014) ou Eurozone (2013). No ano 2014 a compañía recibiu o Premio Nacional de Teatro.

13 funcións postas en escena por 9 compañías
A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “a programación teatral do primeiro semestre de 2020 arranca cun espectáculo de gran calidade como é Curva España, do Grupo Chévere. Queda demostrado o interese que espertou este espectáculo entre a veciñanza amesá, xa que hai días que se esgotaron as entradas na billeteira electrónica, e tan so quedan o 10% das entradas dispoñibles que se poden mercar mañá na Casa da Cultura unha hora antes do inicio da función”.  

Natividade González engadiu que “durante o primeiro semestre de 2020 contamos cunha programación que inclúe 13 funcións postas en escena por 9 compañías. A partir deste venres, 31 de xaneiro, vamos a ter teatro durante todas as fins de semana, agás o venres de Entroido e o venres de Semana Santa. A representación destes espectáculo  alternarase entre O Milladoiro e Bertamiráns”.

Imaxe do espectáculo Curva España na Mostra internacional de teatro de Ribadavia