Pestanas principais

A programación de primavera de Ames inclúe máis de 80 actividades que se desenvolverán ata finais de maio

Venres, 10 de febreiro de 2017

[10-02-2017] O Concello de Ames vén de pechar a programación de actividades que se van a desenvolver durante a primavera. Deste xeito, xa se poden anunciar os eventos que se sucederán ao longo de catro meses nos que haberá actividades deportivas, obradoiros na Aula da Natureza, contacontos nas bibliotecas e locais socioculturais das parroquias, teatro, actividades para bebes, andainas, etc. O acto de homenaxe á Rosalía de Castro, a Festa de Entroido, a maratón MTB Transgalaica, a Ames Cup, a conmemoración do Día do Libro e a celebración do Día das Letras Galegas son algunhas das propostas máis salientables que se ofertan en Ames coa chegada da primavera.

O Concello de Ames preparou unha ampla programación cultural, ambiental e deportiva de cara ao primeiro semestres de 2017 na que se inclúen máis de 80 actividades para todos os públicos. Dita programación comeza este venres, 10 de febreiro, coa celebración da décimo primeira edición da Gala do Deporte na que se premiará aos mellores deportistas e clubs amesáns. No eido deportivo, tamén se inclúe o campionato de patinaxe artística (fase rexional) que vai a ter lugar durante esta fin de semana (o sábado 10 e o domingo 11) no pavillón polideportivo do Milladoiro. Outros eventos deportivos que se desenvolverán durante os vindeiros meses son: o II Trail Galaica Concello de Ames (26 de febreiro), o II Maratón MTB Transgalaica Concello de Ames (12 de marzo), a Ames Cup de fútbol 8 (13, 14 e 15 de abril), e mailo VIII Encontro de patinaxe das Escolas deportivas municipais (29 de abril).

No apartado medio ambiental hai que salientar que se van a desenvolver diversos obradoiros e andainas. Este sábado, 11 de febreiro, comeza o obradoiro Eu guísoo eu cómoo, naturalmente!, que continuará o 18 de marzo e mailo 6 de maio. Outras actividades son o obradoiro de Elaboración de conservas caseiras (18 e 25 de febreiro); o obradoiro de Usos tradicionais das nosas plantas silvestres (4 e 25 de marzo); un curso de fruticultura (5, 12, 19 de marzo - 2 e 30 de abril); obradoiro de agricultura rexenerativa (11 de marzo) e unha visita a un viveiro e a unha plantación froiteira (13 de maio). Tamén haberá andainas: ruta pola Senda Verde entre o Milladoiro e Bertamiráns (26 de marzo); ruta de sendeirismo polo Salto do Nervión -parque natural Valderejo- (13, 14, 15 e 16 de abril); ruta de Riamontes (14 de maio) e ruta do rego da Andoriña.

Presentación do programa do mes das abellas
Durante o mes de abril faranse varias actividades arredor do mundo da apicultura. O día 7 de abril terá lugar a inauguración da exposición As abellas gardianas do medio e impartirase a charla – coloquio A importancia da apicultura en Galicia. O sábado 8 de abril realizarase unha visita á Casa das Abellas en Abegondo. O domingo 9 comezará un curso de apicultura na Aula da Natureza. Este curso continuará os días 22 e 29 de abril e o 6 de maio. Ademais, o 29 de abril, haberá unha cata de produtos apícolas e o 27 de maio desenvolverase e o obradoiro Hotel de insectos.

No ámbito cultural e educativo hai unha variada programación de contacontos, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro (15 e 16 de febreiro - 8, 9, 22 e 23 de marzo) e nos locais socioculturais de Augapesada e de Bugallido (20, 21 de febreiro; 6, 7, 13, 21 de marzo; 3, 4, 17, 18 de abril; e 8, 9, 22 e 23 de maio). Ademais, elaborouse unha extensa programación teatral, que xa comezou o pasado 3 de febreiro, e que inclúe a representación de 11 espectáculos de teatro para adultos e nenos/as. Dentro deste mesmo eido enmárcanse as II Xornadas de Comedores Escolares (14 e 18 de febreiro), o acto de homenaxe ao cronista oficial de Ames, Maximino Viaño, e maila inauguración do Arquivo histórico de Ames (16 de febreiro); o concerto de Entroido da escola de música (24 de febreiro), a Festa de entroido (27 de febreiro), e mailo obradoiro sobre a importancia dos procesos de maduración para nenos/as de 0 a 3 anos (29 de maio).

Febreiro mes de Rosalía de Castro
Este mes de febreiro vanse desenvolver varias actividades arredor da figura de Rosalía de Castro. O xoves, 23 de febreiro, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns un acto de homenaxe no que haberá un concerto de Najla Shami, e o sábado 4 e marzo, realizarase unha excursión á Casa de Rosalía de Castro que está situada en Padrón.

Outros actos salientables serán a conmemoración do Día do Libro (22 de abril) e a celebración do Día das Letras Galegas (16 de maio). Para os máis pequenos tamén se realizarán varias actividades enmarcadas dentro da programación municipal con Apego. Así haberá un obradoiro de crianza musical con Apego (18 de febreiro), un obradoiro de cantos, contos, xogos e arrolos (3 de marzo), un obradoiro práctico de contacontos (6 de marzo), unha Foliada con Apego (7 de abril) e un obradoiro de nanas (29 de abril).