Pestanas principais

A programación de primavera de Ames inclúe 60 actividades que se desenvolverán ata o mes de xuño

Luns, 26 de febreiro de 2018

[26-02-2018] O Concello de Ames vén de facer pública a programación cultural e deportiva para a primavera deste 2018, que inclúe espectáculos teatrais, a proxección dun documental, varias actividades deportivas e obradoiros de ciencia e medio ambiente para as máis cativas e cativos. A programación amesá de primavera comezará este venres, 2 de marzo, coa representación da obra teatral Elisa e Marcela, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta programación inclúe 60 actividades organizadas polos departamentos de mocidade, cultura, deportes, medio ambiente, normalización lingüística e pola bibliotecas municipais.


A historia de amor e rebeldía de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que en 1901 casaban na igrexa de San Xurxo na Coruña, chega a Ames da man da Panadaría. En chave de humor, as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Alién Kendelman abordan os sucesos que envolven o que foi o primeiro matrimonio homosexual de España. A obra, que está dirixida a un público adulto, estreará a programación de primavera do Concello de Ames. Elisa e Marcela será representada o 2 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00 horas.

Foliadas, cantacontos, arrolos e poesía con Apego
O vindeiro venres 2 de marzo, a programación de primavera inclúe tamén a celebración dunha Foliada con Apego, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 18:00 horas. A actividade, que estará dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír un espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para poder participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, o seu nome e apelido e un teléfono de contacto. O pazo de inscrición permanecerá aberto ata o 1 de marzo.

A segunda das actividades do Apego programada para esta primavera desenvolverase o venres 16 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os Cantacontos de Pablo Díaz contarán con dúas sesións: unha primeira ás 18:00 horas e outra ás 19:00h. A actividade estará dirixida a familias con nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos. As inscricións deberanse realizar entre o 5 e o 14 de marzo.

O xoves 12 de abril terá lugar a actividade Arrolos de Salitre con Xabier Díaz e Guillerme Fernández no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Neste ocasión, tamén haberá dúas sesións: unha ás 18:00h e outra ás 19:00h. A actividade estará dirixida tanto a familias con crianzas ata os 3 anos como a futuras mamás e papás. O prazo de inscrición será do 3 ao 11 de abril.

Un día despois, o venres 13 de abril, Fran Alonso estará na Casa da Cultura do Milladoiro coa actividade A poesía é un globo, que se desenvolverá a partir das 18:00 horas. As persoas interesadas, familias con cativas e cativos entre os 3 e os 6 anos, deberán anotarse entre o 3 e o 12 de abril.

O venres 4 de maio, terá lugar a actividade “As aventuras de mamá cabra. Contos que saen dos libros”; un contacontos musical orientado a crianzas entre o 1 e os 4 anos. A actividade realizarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18 horas. Para participar, será preciso inscribirse entre o 24 de abril ao 3 de maio.

A última das actividades do Apego programadas para a tempada de primavera será “Minia convídate a xogar” de Babaluva Teatro. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá esta actividade que se desenvolverá en dúas sesións: coma sempre, unha ás 18:00h e outra ás 19:00 horas. Orientada á mesma franxa de idade que a actividade anterior, o prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 15 e o 24 de maio.

Cursos formativos para a mocidade en lingua de signos, inglés e primeiros auxilios
Entre o 5 de marzo e o 21 de xuño terá lugar o curso de inglés English Today!!, que está organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Ames. O curso que estará orientado ao uso cotiá do inglés no día a día, impartirase os luns e os mércores na Casa da Cultura do Milladoiro, e os martes e os xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns. As aulas terán unha duración de hora e media, desenvolvéndose entre as 20:00h e as 21:30 horas. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, o curso de inglés conta con prazas limitadas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. As solicitudes deberán ser enviadas, debidamente cumprimentadas e xunto cunha fotocopia do DNI, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal ou entregadas na propia OMIX. O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 27 de febreiro.

O curso básico de linguaxe de signos desenvolverase a partir do mes de maio. Dirixido a maiores de 16 anos, contará con 15 prazas dispoñibles. O curso, que será de balde, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns. As persoas participantes abordarán, ao longo de 30 horas, as ferramentas básicas para a expresión, a interacción signada e a comprensión. Pola súa banda, o curso de primeiros auxilios comezará tamén a partir do mes de maio, contará con prazas limitadas e estará orientado a persoas maiores de 16 anos. Esta formación, que tamén será de balde e que terá unha duración de 20 horas, desenvolverase neste caso na Casa da Cultura do Milladoiro.

Contacontos de gatos, sorpresas e crocodilos nas bibliotecas municipais
Os gatos serán os protagonistas das primeiras sesións de contacontos do mes de marzo. O mércores 7 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 8 na do Milladoiro, estas primeiras sesións achegarán ás nenas e nenos asistentes diferentes contos sobre estes pequenos animais. “Nada é o que parece” é o título co que se presentan as dúas seguintes sesións, que terán lugar o mércores 21 de marzo no Milladoiro e o xoves 22 en Bertamiráns. Os contos destas dúas últimas sesións caracterizaranse por agochar diferentes sorpresas.

No mes de abril é cando chegarán finalmente os crocodilos ás bibliotecas municipais de Ames. Estes animais serán os protagonistas dos contos que se relatarán de viva voz o mércores 4 de abril na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 5 no Milladoiro. As dúas seguintes sesións, a do mércores 18 de abril no Milladoiro e a do xoves 19 en Bertamiráns, serán moi especiais xa que nesa tarde os contos serán cantados.

No mes de maio, as historias desaparecerán das bibliotecas, polo que as nenas e nenos participantes nos contacontos deberán buscalas. A sesión “Inventando contos. Escaparon as historias!” terá lugar o mércores 2 de maio en Bertamiráns e o xoves 3 no Milladoiro. “Tic... tac... tic... tac... Son as cinco en punto, a hora dos contos” é o título que terán as sesións do martes 15 de maio en Bertamiráns e do mércores 16 no Milladoiro. As últimas sesións da primavera desenvolveranse o mércores 30 de maio en Bertamiráns e o xoves 31 no Milladoiro. “Contos no tendal. Historias de roupa” será o seu título. As sesións de contacontos, que estarán dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos, darán comezo ás 17:00 horas. A entrada é libre ata completar aforo.

Obradoiros de ciencia e medio ambiente para crianzas
O sábado, 3 de marzo, a Aula da Natureza de Ames acollerá o primeiro dos obradoiros de “Ciencia Divertida”, que se desenvolverá entre as 16:30h e as 19:00 horas. Dirixida a nenas e nenos entre os 6 e os 12 anos, a actividade incluirá servizo de autobuses. Da “Ciencia Divertida” haberá tres obradoiros máis, que se celebrarán os sábados 31 de marzo, 12 de maio e 2 de xuño. A sesión do día 31 realizarase en horario de mañá, entre as 11:00h e as 13:30 horas. O 12 de maio o obradoiro terá lugar en horario de tarde e o 2 de xuño novamente de mañá. Para participar haberá que inscribirse previamente.

Alén destes, haberá tamén dous obradoiros máis de ciencia orientados ás máis cativas e cativos. “Peque Ciencia Divertida” celebrarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o sábado 10 de marzo, en horario de 12:00h a 13:30 horas. A actividade que tamén requirirá de inscrición previa, estará dirixida a crianzas entre os 3 e os 6 anos. O sábado 17 de marzo terá lugar un segundo obradoiro do “Peque Ciencia Divertida”.

O sábado, 24 de marzo, as mozas e mozos amesáns, entre os 8 e os 14 anos, poderán participar dun obradoiro de rastrexo de animais a partir de rastros e pegadas. A actividade, que se celebrará na Aula da Natureza e que incluirá unha saída ao bosque, desenvolverase entre as 16:30h e as 20:30 horas. Para asistir, as persoas interesadas deberán inscribirse previamente. Haberá servizo de autobús.

A actividade “Con-tacto Natural” está programada para o sábado 7 de abril. Dirixida a familias con crianzas entre os 2 e os 7 anos, a actividade consistirá nun paseo sensitivo polo bosque de Agrón ao longo dunha hora e media, entre as 12:00h e as 13:30 horas. A actividade, que tamén contará con servizo de transporte e cun prazo de inscrición, volverase repetir o sábado 21 de abril. O mesmo sábado, na Aula da Natureza realizarase un obradoiro de pequenas hortas e xardíns (en xanelas, balcóns, pequenos espazos...). A actividade, que se desenvolverá entre as 17:00h e as 19:00 horas, estará destinada a persoas maiores de 14 anos.

Dirixida a todos os públicos, a actividade “O mundo das algas. Identificación, usos e propiedades” terá lugar o sábado 14 de abril, en Algamar, Ortigueira. Para participar desta actividade, que se desenvolverá entre as 09:30h e as 19:30 horas, será preciso inscribirse previamente. Os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa maior de idade.

A programación infantil relativa á ciencia e ao medio ambiente finalizará co obradoiro “Día de supervivencia. Lume, auga, refuxio...), que se celebrará o sábado, 5 de maio, na Aula da Natureza, entre as 12:00h e as 18:00 horas. Dirixido a rapazas e rapaces entre os 6 e os 14 anos, a actividade contará con servizo de autobús.

Medio ambiente para maiores: un documental e un curso de horta sostible
O sábado, 10 de marzo, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a proxección do documental Homes de xeo. Galegos na Antártida, ás 18:00 horas. Un proxecto audiovisual que afonda na vida dun grupo de científicos e mariñeiros galegos, traballando conxuntamente para mellorar o planeta a bordo do BIO “Hespérides” na Antártida.

“Presumindo de Pazo” é a actividade ligada ao medio ambiente que se desenvolverá o sábado, 12 de maio. A actividade consistirá nunha visita guiada pola flora do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Dirixida a todos os públicos, a actividade desenvolverase entre as 12:00h e as 13:30 horas. Co obxectivo de convidar á veciñanza a colocar na súa casa unha planta descontaminante, o sábado 26 de maio desenvolverase a iniciativa “Loita verde contra a polución” na praza Manuel Murguía do Milladoiro, entre as 17:00h e as 19:00 horas. Así mesmo, a Aula da Natureza tamén está a organizar para esta primavera un novo curso de horta sostible e bioconstrución.

Espectáculos teatrais
A obra PUM PUM, de Baobab Teatro S.L, será representada na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 9 de marzo. A peza, que estará centrada na nena Marieta, contará con dúas sesións: ás 12:30h haberá unha sesión escolar e ás 18:00h unha xeral. A obra estará dirixida a un público maior de 5 anos. Continuando cos espectáculos teatrais dirixidos a un público infantil, o venres 6 de abril , tamén ás 18:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a representación Os fabulosos CLEANERS da man de Malasombra Producións. A peza, que trata sobre dous expertos operarios da limpeza que descobren as posibilidades das súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón, está concibida para un público maior de 3 anos.

O valo, de Culturactiva, será representada o 20 de abril en dúas sesións, ás 12:30h (sesión escolar) e ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, que estará destinada a crianzas entre os 6 e os 12 anos, buscará promover unha reflexión nas nenas e nenos acerca das fronteiras e da situación das persoas refuxiadas. A última obra de teatro infantil da tempada será O secuestro da bibliotecaria, de Sarabela Teatro, que será representada o 27 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. A peza abordará a historia do secuestro da empregada da biblioteca, dun consello municipal que non sabe ben que facer e dunha banda de secuestradores cun brote de varicela. A obra estará dirixida a un público entre os 5 e os 12 anos.

Após a representación da obra Elisa e Marcela o 2 de marzo, a seguinte das obras teatrais dirixidas a un público adulto será Casa O’Rei, coa que a compañía Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica xunto con “O Furancho” e “Raclette”. A obra basease nun xogo escénico e dramatúrxico do Rei Lear do inglés William Shakesperare, neste caso, ambientada nunha típica casa de comidas galega. O servidor de dous amos, de Talía Teatro, será representada na Casa da Cultura de Bertamiráns o 13 de abril. Con esta obra, a compañía realiza unha revisión deste clásico da historia do teatro, referente por excelencia da Commedia dell’Arte, respectando o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, mais incorporando novas formas de teatralidade. Ambas obras comezarán ás 21:00 horas.

Viaxe poética aos lugares emblemáticos do legado rosaliano
O sábado, 10 de marzo, realizarase unha excursión poética baixo o nome “Viaxando con Rosalía”; unha actividade que está incluída na programación específica organizada polo Concello de Ames en homenaxe á efeméride do nacemento da autora. A excursión incluirá unha visita á Casa de Rosalía na Tarroeira en Ortoño, lugar onde a autora pasou os seus primeiros anos de vida. Ademais, alén da parroquia de Ortoño, as persoas participantes tamén visitarán Bastavales, en Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Así mesmo, a excursión tamén incluirá unha visita a Iria Flavia e á Casa Museo de Rosalía en Padrón, máis coñecida como "Casa da Matanza". Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, achegaranos á vida da homenaxeada e á súa obra.

O prazo de inscrición nesta actividade permanecerá aberto entre o 1 e o 8 de marzo. Para reservar praza, será preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da excursión, a saída en autobús producirase ás 10:00 horas no Milladoiro e ás 10:15h en Bertamiráns.

Conmemoración do Día do Libro e do Día das Letras Galegas
O sábado, 21 de abril, conmemorarase o Día do Libro cun evento na praza do Concello de Bertamiráns, ás 17:00 horas. Baixo o nome “Literatura na Praza”, ese día haberá exposicións, venda de libros, obradoiros, presentacións, música e contacontos. O mércores 16 de maio, terá lugar a conmemoración do Día das Letras Galegas que este ano está dedicado á autora María Victoria Moreno. O Concello de Ames celebrará a efeméride cun acto festivo no que se entregarán os premios do XV Certame Literario Concello de Ames e do Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. O prazo de presentación de textos do XV Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía remata o 3 de abril. As persoas interesadas poderán atopar máis información en breves na páxina web municipal.

No eido da lingua, cómpre destacar asemade a celebración da fase clasificatoria de zona do Club de Debate, que terá lugar o xoves 22 de marzo. A competición, que será aberta ao público, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns ao longo da mañá e da tarde.

Maratóns, copas e encontros deportivos
O domingo, 11 de marzo, terá lugar a terceira edición do Transgalaica Concello de Ames (maratón mtb). Organizado polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, a saída da Transgalaica terá lugar ás 09:30h desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Tamén en marzo, os días 29, 30 e 31 celebrarase o Ames Cup de fútbol 8. A competición, que está organizado polo Bertamiráns FC, celebrarase no campo de fútbol municipal desta localidade, das 09:00h ás 22:00 horas.

O sábado, 5 de maio, terá lugar o IX Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais. Organizado polo Club de Patinaxe Sarela e CPA Omega, o Encontro desenvolverase no pavillón municipal de Bertamiráns, das 09:00h ás 21:00 horas. A finais de maio, o día 26, celebrarase a clausura das Escolas Deportivas Municipais na área deportiva do Milladoiro, a partir das 16:00 horas.

Unha saída de fin de semana de surf
Do 27 ao 29 de abril, a Concellaría de Medio Ambiente conxuntamente coa Concellaría de Mocidade organiza unha fin de semana de natureza e surf na praia de Razo. Dirixida a mozas e mozos entre os 13 e os 18 anos, a actividade ten un prezo de 78 euros por persoa. O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 2 e o 13 de abril. Para obter máis información, as persoas interesadas pódense pór en contacto co departamento de Medio Ambiente a través do enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou do número de teléfono 660 004 665 ou co departamento de Mocidade mediante o enderezo omix@concellodeames.gal ou do número 616 083 229.

Así mesmo, estas dúas Concellarías están a organizar un avance dos campamentos de verán de 2018, con actividades que estarán orientadas a crianzas desde o 3º curso de Educación Infantil ata 2º de Bacharelato. Elaborarase un programa específico.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Una primavera llena de actividades en Ames"