[23-12-2014] A programación de Nadal do Concello de Ames continúa esta tarde cun número de pompas de xabón para o público familiar realizado por Animatium Escena Animada. A compañía adianta que se trata dun “espectáculo innovador, cheo de orixinalidade a partir de construcións imposibles de pompas, ilusións máxicas e divertidos gags cómicos”. Será na Casa da Cultura do Milladoiro ás 17:00 horas.
O venres, a festa trasládase á Casa da Cultura de Bertamiráns, onde ás 18:00 horas terá lugar un espectáculo musical para o público infantil a cargo de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac. O músico achegará aos máis pequenos as cancións que compoñen o seu último traballo, un libro-disco titulado Toc Toc. Segundo o autor, nel recréase “un mundo de ledicia, ilusión e compañeirismo, onde non teñen cabida as guerras e si a defensa do medio ambiente, a protección dos animais, a ilusión da chegada do apalpador no Nadal, a fantasía do mundo dos piratas, e como non, o mundo paralelo dos nenos e nenas: os contos”.
Tarde de convivencia e chocolate
Máis de 200 persoas maiores participaron na tradicional Chocolatada de Nadal que tivo lugar onte luns, no pavillón de Bertamiráns. O encontro serviu para que a veciñanza do Concello de Ames puidese gozar dunha merenda amenizada coa música dos vocalistas da Poceiro Big Band, Luis Rey e o mítico Miguel Torres, este último ex-compoñente da Orquesta Compostela.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Concierto infantil de Pablo Díaz en Ames"




