Pestanas principais

A programación de Nadal de Ames chega cargada con actividades e eventos culturais para toda a familia

Martes, 08 de decembro de 2015

[08-12-2015] As datas que arrodean as festas de Nadal ofrecen, cada ano, un amplo abano de actividades e obradoiros aos amesáns e amesás. Este ano Bertamiráns e Milladoiro son os eixos protagonistas de obras de teatro, concertos, actividades para a infancia e a mocidade e varios eventos deportivos.

Ademais da programación diaria os nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil ou en calquera de Educación Primaria poderán participar do Nadal lúdico, os días 21,22,23,24,28,29 e 31 de decembro de 2015 e os días 4 e 5 de xaneiro do 2016. En torno as festas de Nadal organízanse o Concurso de Cartas de Nadal, que baixo o lema 'Este Nadal...cultívao a diario!!', invita aos nenos e nenas a depositar as súas Cartas de Nadal nos seus colexio ou nos locais municipais. Os propios Reis Magos contestarán e enviarán a cada casa unha sorpresa. A campaña de recollida de xoguetes distribuirá entre as familias as doazóns, que se poden depositar nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro até o 29 de decembro.

Programación de decembro: moito teatro, concertos e obradoiros
O Apalpador da comezo este ano á programación de Nadal, coa súa visita aos nenos e nenas amesáns os días xoves 10 e venres 11 de decembro. Un mes cheo de plans pensados, sobre todo, para as familias, con teatro, música e obradoiros para os pequenos e a mocidade. As meirande parte dos eventos do último mes do ano repartiranse entre os dous principais núcleos urbanos amesáns. As Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns serán os puntos de encontro para gozar da programación cultural no inverno. Ademais, continuarán os encontros ArteSans na praza do Concello os sábados 12 e 19, pola mañá e pola tarde.

A Casa da Cultura do Milladoiro arrinca o luns 21 coa obra Rumplestikin , o anano saltarín, da compañía Trompicallo, que subirá ao escenario ás 17:00 horas. O mércores 23 a agrupación Eme2 emoción&arte presentará Jim e a illa do tesouro tamén ás 17:00 horas. O sábado 26 os amantes do tango poderán acudir ao Espectáculo Pasional Tango , que comezará ás 20:00 horas. O domingo 27 o grupo folk Ascuas , a Coral Polífónica Antonio Santomil de Bugallido e a Coral Polifónica da 3ª idade de Vedra reuniranse no concerto No bico un cantar, ás 18:00 horas. O martes 29 a compañía Seispés producións creativas levará á Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo Pitusa Difusa, ás 17 horas.

En Bertamiráns abren a programación de Nadal, o martes 22 de decembro, os integrantes do grupo Caramuxo Teatro con Feo!, ás 17 horas. As mostras de teatro continúan o domingo 27, da man da Asociación de Mulleres de Ortoño, que interpretarán un Conto de Nadal ás 20:00 horas. O luns 28 a compañía As Dríadas de danza ofrecerán o espectáculo didáctica de danza moderna e hip-hop A orixe ás 17:00 horas. O concerto Os tres tenedores, Cocido sinfónico, pechará a programación cultural de decembro en Bertamiráns ás 17:00.

O público xuvenil poderá asistir a varios obradoiros creativos que se organizan ao longo do mes de decembro. O luns 21 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 11:00 a 12:30, mozos e mozas a partir dos 12 anos poden participar no Obradoiro de personalización de mochilas. Este mesmo obradoiro repetirase na Casa da Cultura do Milladoiro o martes 22 á mesma hora.

O mércores 23, na Casa da Cultura de Bertamiráns , rapaces e rapazas poderán aprender trucos básicos para mesturar cancións no Obradoiro de DJ (turntablism) que comeza ás 18:00 e remata ás 19:30. O teléfono para as inscricións é o 616083229. Outro curso, este de danza moderna e hip-hop, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns de 11:00 a 12:30 horas o luns 28 de decembro. Nel poderán participar mozos e mozas a partir dos 9 anos, que poderán reservar unha das trinta prazas no teléfono 981535940 entre os días 14 e 18 de decembro.

O derradeiro obradoiro do mes será o de elaboración de diapositivas, Un conto de Nadal, no que poderán participar nenos e nenas de 9 a 11 anos, os días 21, 22, 23, 28 e 28 de decembro en horario de 10:00 a 12:00 horas e de 18:00 a 19:00 horas.

Decembro tamén será mes de encontros deportivos. O sábado 12 córrese a Carreira Ciclista do Pavo, nos arredores do Parque do Río Ameneiral en Bertamiráns. Previamente á carreira, que sae ás 17:00 horas, terá lugar unha xincana de ciclistas para os máis pequenos ás 16:00 horas. O domingo 13, no pavillón polidevortivo de Bertamiráns e a partir das 11:00 da mañá comezará a Maratón Solidaria de Fitness, organizada polo Centro Deportivo A Telleira, que invita aos participantes a acudir cun xoguete.

O Campus de Baloncesto do CB A Mahía celébrase, un ano máis, no pavillón polideportivo de Bertamiráns os días 22, 23, 29 e 20 de decembro en horario de 16:00 a 18:00. O domingo 27, a partir das 10:00 da mañá xógase o VIII Torneo de Fútbol Sala Mixto organizado pola ONG Mi Perú, tamén no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns.

Programación de xaneiro: Cabalgata de Reis e Gala do Fútbol Feminino Galego
Ames recibirá o novo ano con máis actividades para nenos e nenas e maiores. O sábado 2 de xaneiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas, encherase de música para comezar o 2016 cun Concerto de Ano Novo e coas voces das Corais de Ames. O domingo 3 a Banda de Música de Brión visitará a Casa da Cultura do Milladoiro para ofrecer un concerto ás 18:00 horas.

A concellaría de Medio Ambiente organiza as actividades do sábado 2 e o luns 4 de xaneiro. O sábado nenos de entre 6 e 14 anos poderán participar na actividade Tardes ao Natural: Cociña de Nadal e Obradoiros de Bonecos de neve, na Aula da Natureza de 16:30 a 20:00. O luns, na Casa da Cultura do Milladoiro, impartirase un Obradoiro de Robótica, para nenos e nenas de 8 a 12 anos entre as 16:30 e as 20:00 e para mozos e mozas de entre 13 e 18 anos a partir das 18:15 e até as 19:45. O teléfono para reservar praza na actividade Tardes ao Natural é o 660004665 e o do obradoiro de robótica o 616083229.

A tradicional Cabalgata de Reis partirá ás 17:00 do Milladoiro e rematará ás 18:00 cunha recepción na vila. Ás 19:00 comezará a súa visita á veciña Bertamiráns, nun percorrido que rematará con outra recepción, ás 20:00 horas, na Casa do Concello.

En xaneiro, ademais, Ames será sede da Gala do Fútbol Feminino Galego o día 2 ás 20:00 horas , na que a futbolista Veronica Boquete recibirá o premio á Mellor Xogadora Galega da tempada 2014/15 na Casa da Cultura do Milladoiro.oiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Nadal Lúdico para conciliar e recollida de xoguetes solidaria"