Pestanas principais

A programación de contacontos para o último trimestre do ano conta con seis sesións e dous obradoiros

Martes, 02 de outubro de 2018

[02-10-2018] Ao longo dos últimos tres meses do ano, as bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns acollerán a celebración de seis sesións de contacontos e dous obradoiros, nos que se elaborarán bolsas de lectura e postais de Nadal. Para participar nalgún dos obradoiros, dirixidos ao alumnado de 2º a 6º de Primaria, será preciso inscribirse a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns) e 981 53 08 07 (Milladoiro), ou a través do enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. As inscricións tamén se poden tramitar nas propias bibliotecas.


As actividades de animación á lectura das bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns programadas para o último trimestre do ano repártense en tres sesións de contacontos e un obradoiro durante o mes de outubro, outras dúas xornadas en novembro e unha sesión máis un obradoiro de postais de Nadal en decembro. Todas estas actividades serán de balde.

As sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A primeira delas preséntase baixo o título 1,2,3... empezan os contos xa!, e celebrarase o mércores, 3 de outubro, na biblioteca de Milladoiro e o xoves, día 4, na de Bertamiráns. A segunda das sesións, que leva por nome MMM...contos para lamber os dedos, realizarase o mércores 17 en Bertamiráns e o xoves 18 no Milladoiro. Pola súa banda, a terceira e última das sesións de contos de outubro, Quen está no galiñeiro?, terá lugar o martes 30 en Bertamiráns e o mércores 31 no Milladoiro. As sesións comezarán todas ás 17:30 horas.

Asemade, o venres 26 e o sábado 27 de outubro, O faiado de Nin impartirá un obradoiro no que alumnos/as de terceiro a sexto de primaria poderán gozar do deseño de bolsas de lectura. Este taller realizarase o venres na biblioteca do Milladoiro entre as 17.30 e as 19.00 horas, e o sábado de 11.30 a 13.00 horas en Bertamiráns. Así, haberá 15 prazas dispoñibles por biblioteca, e a inscrición deberá tramitarse entre o 8 e o 22 de outubro a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal

Programación de novembro e decembro
Pola súa banda, ao longo do mes de novembro realizaranse dúas sesións de contacontos. A primeira delas leva o título de Comemos ou cantamos?, e celebrarase o mércores 14 de novembro na biblioteca de Bertamiráns, e o xoves 15 de novembro na do Milladoiro, ambas en horario de 17.30 horas. A seguinte, titulada como Contos xeitOSOS, realizarase o mércores 28 ás 17.30 horas no Milladoiro e ó día seguinte, 29 de novembro, á mesma hora na biblioteca de Bertamiráns.

Asemade, para rematar o ano, realizarase unha sesión de contacontos o mércores 12 de decembro en Bertamiráns e o xoves 13 no Milladoiro ás 17.30 horas, baixo o título Que ben sabe esta lúa!. Por último, o martes 18 e o mércores 19 de decembro, impartirase un obradoiro de postais de Nadal, no que alumnos/as de terceiro a sexto de Primaria poderán realizar e deseñar felicitacións para estas festas. Este taller realizarase o martes na biblioteca de Bertamiráns ás 17.30 horas, e o mércores á mesma hora na biblioteca do Milladoiro. Así, haberá 15 prazas dispoñibles por biblioteca, e a inscrición deberá tramitarse do 1 ao 12 de decembro a través dos teléfonos 981 88 48 29 (Bertamiráns), 981 53 08 07 (Milladoiro) ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Actividades de contacontos en Ames durante o mes de outubro"
Amsgo: "A programación de contacontos para o último trimestre do ano conta con seis sesións e dous obradoiros"