Pestanas principais

A programación cultural e deportiva de Primavera recolle preto de 40 actividades para todos os públicos

Xoves, 28 de marzo de 2013

[28-03-2013] Durante o segundo trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades deseñado para ofertar unha gran variedade de alternativas de ocio para todo tipo de públicos. A programación cultural e deportiva Primavera 2013 centrará a súa atención na conmemoración das efemérides relacionadas co libro e coas letras galegas, pero tamén ofrece unha ampla programación de representacións teatrais, obradoiros, excursións, sesións de cine, andainas e competicións deportivas. Ademais, nesta programación inclúense outras iniciativas como a final comarcal do Club de debate ou a celebración do Día Internacional do Medio Ambiente e do IV Encontro gastronómico Intercultural.

Programación teatral
A actividade teatral será intensa no Concello de Ames neste segundo trimestre de 2013. Comezará o venres 12 de abril coa representación na Casa da Cultura do Milladoiro do espectáculo para bebes “¡Ñam!”, da compañía Caramuxo teatro. Realizaranse dous pases, un ás 17:30 h e outro as 18:30 horas. O teatro infantil continuará o venres 19 de abril, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa representación da obra “Pío”, que tamén correrá a cargo da compañía Caramuxo teatro. O venres 26 de abril será a quenda para os adultos xa que a dúo Mofa e Befa representará, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns o espectáculo “Sempre ao lonxe”.

O venres 3 de maio volve o teatro infantil da man da compañía Sarabela teatro, que porán en escena a peza teatral “A Voar!”. O espectáculo terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas. No mes de xuño haberá máis teatro infantil da man da compañía Berrobambán, que representará o espectáculo “Refugallo”, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

En xuño, a programación teatral para adultos comeza o venres 14 coa representación da obra “O enfermo imaxinario”, a cargo da compañía Teatro Trangalleiro de Brión. O espectáculo terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 21:00 horas. Ademais, o grupo de teatro do psiquiátrico de Conxo representará en Ames a súa última obra “O médico a paus”. Haberá dous pases. O martes 18 de xuño actuarán na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que o martes 25 farano na Casa da Cultura de Bertamiráns. As dúas actuacións serán ás 19:00 horas. Para finalizar a programación teatral, o grupo de Teatro Down Compostela porá en escena o venres 28 de xuño, ás 20:00, na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “Bodas de sangre”.

Programación cultural
No eido cultura, o programa “Primavera 2013” propón para o sábado 4 de maio unha “Ruta Rosaliana”, que sairá desde Bertamiráns. As inscricións poderán realizarse do 22 ao 29 de abril. Ademais, durante a semana do 13 ao 15 de maio vaise organizar unha actividade denomina Días de Cine, que terá un programa específico. Na semana do luns 27 ao venres 31 de maio terán lugar as clausuras dos obradoiros culturais.

Para o domingo 16 de xuño está prevista a celebración da Festa da Terra, na que se conmemorará o Día Internacional do Medio Ambiente e se celebrará o IV Encontro gastronómico Intercultural. Para esta festa elaborarase un programa específico. Ese mesmo día, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns terá lugar a clausura do obradoiro de baile e música tradicional. Uns días despois, o venres 21 de xuño, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) actuará na Casa da Cultura do Milladoiro para ofrecer o xa tradicional concerto de fin de curso.

Actividades deportivas
A programación deportiva do trimestre arranca o sábado 20 de abril co IV Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais. Será no pavillón de Bertamiráns entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. A continuación, o sábado 4 de maio desenvolverase unha nova edición do torneo de karate Concello de Ames, que comezará ás 16:30 horas e está dirixido a nenos e nenas que competirán nas modalidade de kata individual e kumite. Para rematar maio, o sábado 25 ás 16:30 h, terá lugar a clausura das escolas deportivas municipais no pavillón do Milladoiro.

En xuño, o domingo 2 desenvolverase a XIII edición da Milla Urbana. Sairá da área deportiva do Milladoiro ás 11:00 horas. En contacto coa natureza, o programa “Primavera 2013” propón para o domingo 9 de xuño unha “Andaina Solidaria”, polo Camiño de Fisterra, que discorrerá entre o Alto do Vento e A Ponte Maceira. Este mesmo día, pero pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a proba de Supercross puntuable para o campionato galego no circuíto de Brins. Por outra banda, o sábado 15 de xuño, a partir das 11:00 horas, desenvolverase na praia fluvial de Tapia a actividade “Achégate ao piragüismo”.

O Concello de Ames acaba de presentar a programación da "Primavera 2013", que se desenvolverá durante os tres próximos meses e onde destaca o ámbito cultural e literario. No eido das letras, o sábado 20 de abril, celebrarase o Día do Libro coa iniciativa Literatura na praza. Para esta conmemoración elaborarase un programa específico. Nesta xornada, haberá exposición e venda de libros, obradoiros, actuacións musicais, etc. Este acto cultural desenvolverase na Praza do Concello de Bertamiráns a partir das 17:00 horas.

Por outra banda, o xoves 16 de maio, conmemorarase o Día das Letras Galegas que este ano está adicado ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 20:00 horas, o acto de entrega dos premios da décima edición do Certame Literario Concello de Ames e do V Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto contará coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames. Cómpre lembrar que o prazo para a presentación de textos ao Certame Literario Concello de Ames remata o 20 de abril. No caso do Certame Artístico-Literario Intercentros, o prazo finaliza o 15 de abril.

Ademais, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha sesión de contacontos, didácticos, poéticos e musicados sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Será o venres 3 de maio a partir das 20:30 horas.

Para rematar coa programación adicada a Roberto Vidal Bolaño, o venres 24 de maio, a compañía Teatro Antroido representará, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “BailadELAS”. Trátase dun espectáculo que está dirixido por Roi Vidal Ponche e Xavier Estévez e interpretado pola actriz Laura Ponche, impulsora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a persoa e os personaxes de Roberto Vidal Bolaño protagonizan esta obra.

Roi Vidal e Laura Ponche realizan a dramaturxia deste espectáculo inspirándose nos personaxes femininos de seis textos de Roberto Vidal Bolaño como son: Laudamuco, Señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas.

Final da fase comarcal do Club de debate
O Concello de Ames participa por segundo ano consecutivo no Club de debate e nesta edición acollerá a final da fase comarcal. Preto de 100 estudantes que cursan os seus estudos nos institutos de Santiago, Ames, Rois e Teo participarán nesta fase comarcal do Club de debate que se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 5 e sábado 6 de abril. Os rapaces e rapazas terán que falar sobre se as redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas.

Durante o mes de abril a coordinadora da Aula da Natureza impartirá un obradoiro de conservación caseira e natural dos alimentos. Esta actividade estará divida en dúas xornadas, que se desenvolverán os sábados 6 e 13 de abril, en horario de 11:00 h a 13:30 horas. Durante o primeiro día explicaranse distintas nocións sobre a conservación de doces, mentres que a segunda xornada dedicarase ao afumado e a conservación de alimentos en vinagre. Este obradoiro está dirixido aos nenos e nenas que teñan a partir de 12 anos.

No mes de maio tamén haberá un obradoiro de cunchas na Aula da Natureza. Será o sábado 25, en horario de mañá, de 11:00 h a 13:30 horas. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas que teñan entre 6 e 14 anos. Por último, para o mes de xuño a Aula da Natureza acollerá unha actividade denominada Comida de Reciclaxe. Esta actividade desenvolverase o sábado 8 de xuño, entre as 11:00 h e as 13:30 horas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Gastronomía, teatro e vida san para os amienses na primavera"
El Correo Gallego: "A programación cultural e deportiva de Primavera recolle preto de 40 actividades en Ames"