[07-04-2014] Durante o segundo trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades deseñado para ofertar unha gran variedade de alternativas de ocio para todo tipo de públicos. A programación cultural e deportiva Primavera 2014 centrará a súa atención na conmemoración das efemérides relacionadas co libro e coas letras galegas, pero tamén ofrece unha ampla programación de representacións teatrais, obradoiros, excursións, exposicións e competicións deportivas. Ademais, nesta programación inclúense outras iniciativas como a celebración da Festa da Natureza ou o Festival de Verán, que se desenvolverá a comezos do mes de xullo no Pazo da Peregrina.
Actividades medio ambientais
Durante o mes de abril a coordinadora da Aula da Natureza impartirá un obradoiro denominado Xardín de primavera. Esta actividade desenvolverase o sábado 26 de abril, en horario de 11:30 h a 13:30 horas. Este obradoiro está dirixido aos nenos e nenas que teñan de 6 a 14 anos. Posteriormente, no mes de xuño desenvolverase a Festa da Natureza na praia fluvial de Tapia. Para a celebración desta festa elaborarase un programa específico.
Actividades deportivas
A programación deportiva do trimestre arranca este domingo, 13 de abril, coa V Marcha BTT Os Esfola Arrós-Concello de Ames, que organiza O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames. A saída terá lugar as 9:30 horas dende a praza da Maía, que está situada en Bertamiráns. Previamente, de 8:15 a 9:20 os ciclistas participantes terán que recoller os dorsais.
Ademais, aproveitando as vacacións de Semana Santa, dende o xoves 17 ata o sábado 19 de abril desenvolverase a terceira edición da Ames Cup. O Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha nova edición desta competición de fútbol 8. Para pechar o mes de abril, o domingo 27, desenvolverase no pavillón de Bertamiráns o VI Trofeo de Kárate do Concello de Ames, que comezará ás 16:30 horas e está dirixido a nenos e nenas que competirán nas modalidade de kata individual e kumite.
O mes de maio comezará co V Encontro de Patinaxe das Escolas Deportivas Municipais. Esta actividade deportiva terá lugar o sábado, 3 de maio, no pavillón de Bertamiráns entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Para rematar maio, o venres 30 ás 16:30 horas, terá lugar a clausura das escolas deportivas municipais no pavillón de Bertamiráns.
En xuño, o domingo 8, a partir das 11:00 horas, desenvolverase a oitava edición do Día da Bici na área deportiva do Milladoiro. Para o sábado, 14 de xuño, está previsto que se desenvolva a iniciativa Achégate ao piragüismo, que se realizará na praia fluvial de Tapia dende ás 11:30 horas. Este mesmo sábado levarase a cabo o VII Concurso benéfico de Santos Val da Maía. Trátase dun concurso hípico que organiza o Centro Ecuestre Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames. A programación deportiva remata o domingo, 15 de xuño, coa XIV edición da Milla Urbana, que se desenvolverá na área deportiva do Milladoiro ás 11:00 horas.
Programación teatral
Durante o segundo trimestre de 2014 continúa a programación teatral. O teatro comezou este pasado venres, 4 de abril, coa obra de teatro infantil A nena e o grilo nun barquiño. Esta peza representouse na Casa da Cultura do Milladoiro e estivo dirixida ao público familiar. Ademais, da sesión aberta ao público en xeral, houbo dúas sesións de teatro infantil para o alumnado dos centros de ensino de Ames.
En maio, haberá teatro para os adultos da man da compañía Abrapalabra creacións escénicas, que porán en escena a obra As do Peixe. A cita será o venres, 9 de maio, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha viaxe a través da memoria, unha crónica das mulleres traballadoras da conserva, baseada en testemuñas reais da vida nas fábricas a partir dos anos setenta e contada desde o momento actual.
En maio tamén se clausurará o Obradoiro Municipal de Teatro de Ames coa representación da obra O reencontro con Pandora. Esta peza teatral representarase o luns 26 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A programación teatral remata en xuño coa estrea de Tromparia do Grupo Municipal de Teatro de Ames. Esta representación terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas.
Excursión a Portugal
A concellaría de Voluntariado e Maiores organizou para o sábado, 10 de maio, unha excursión a Portugal. As persoas que desexen participar nesta actividade deberán inscribirse entre o 21 de abril e o 2 de maio. Para obter máis información sobre esta actividade poden chamar ao número de teléfono 662 377 044. En maio tamén se realizará unha exposición dos traballos do obradoiro de manualidades no Pazo da Peregrina. O horario de visita para poder ver estes traballos será do luns 26 ao venres 30 de maio, de 17:00 a 20 horas.
Para o xoves, 5 de xuño, está previsto que se desenvolva a festa de clausura do programa Amessan. Este acto terá lugar ás 18:00 horas no Pazo da Peregrina. Ademais, para o domingo, 15 de xuño, está programada a clausura do obradoiro de baile e música tradicional. Esta actividade desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 18:00 horas. Uns días despois, o venres 20 de xuño, ás 20:00 horas, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) actuará na Casa da Cultura de Bertamiráns para ofrecer o xa tradicional concerto de fin de curso.
O Concello de Ames acaba de presentar a programación da "Primavera 2014", que se desenvolverá durante os tres próximos meses e onde destaca o ámbito cultural e literario. No eido das letras, o sábado 10 de maio, celebrarase o Día do Libro coa iniciativa Literatura na praza. Para esta conmemoración elaborarase un programa específico. Nesta xornada, haberá exposición e venda de libros, obradoiros, actuacións musicais, etc. Este acto cultural desenvolverase na Praza do Concello de Bertamiráns a partir das 17:00 horas.
Por outra banda, o venres 16 de maio, conmemorarase o Día das Letras Galegas que este ano está adicado ao poeta Xosé María Díaz Castro. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 20:00 horas, o acto de entrega dos premios da décimo primeira edición do Certame Literario Concello de Ames e do VI Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto contará coa actuación da Escola Municipal de Música de Ames. Cómpre lembrar que o prazo para a presentación de textos ao Certame Literario Concello de Ames remata o 19 de abril. No caso do Certame Artístico-Literario Intercentros, o prazo finaliza o 11 de abril.
Ademais, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha sesión de contacontos, didácticos, poéticos e musicados sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Será o venres 23 de maio a partir das 21:00 horas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Sigue o teatro en Ames ao abeiro do novo programa de lecer Primavera 2014"




