[23-09-2014] Durante o último trimestre do ano, o Concello de Ames desenvolverá un completo programa de actividades deseñado para ofertar unha gran variedade de alternativas de ocio para todo tipo de públicos. A programación cultural e deportiva Outono 2014 contempla representacións teatrais e musicais, maxia e obradoiros. Ademais celébranse neste trimestre a IX Gala do Deporte Municipal, o XII Festival de Maxia, a tradicional Festa do Magosto e os concertos de Santa Icia e de Nadal. O Concurso radiofónico de Teatro Lido “Desata a lingua!”, o de Cartas de Nadal e o obradoiro de Lingua e Cultura galegas “En galego co teu acento” forman parte tamén da programación cultural e deportiva de outono en Ames.
Intensa programación teatral
Outubro comeza cunha intensa programación teatral en Ames. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o venres, día 3 de outubro, ás 21:00 hora, a primeira das actividades culturais programadas para este terceiro trimestre en Ames. Trátase da obra de teatro “O Lazarillo de Tormes” da Compañía Teatro do Morcego; esta obra está dirixida a público xuvenil e adulto. Unha semana máis tarde, o día 10, Rendrum Teatro volve a Ames, nesta ocasión á Casa da Cultura do Milladoiro coa obra “Currículum Vitae”, dirixida a público adulto. O venres 17, na Casa de Cultura de Bertamiráns, Carlos Blanco presenta a obra “Menú do día”, o 24, na Casa da Cultura do Milladoiro e dirixida a público infantil, preséntase a obra As fabas Máxicas, dirixida a público infantil. A programación de teatro de novembro remata o venres 31 coa presentación de “As mil vidas de Matías Houseman”, de Teatro do Adro, interpretada polo veciño de Ames Josito Porto que o ano 2013 acadara o premio María Casares ao mellor actor protagonista pola interpretación deste texto.
A programación de outubro complétase co obradoiro “Activando o futuro”, un taller no que se abordará o tema do emprego e do auto emprego, das oportunidades profesionais, a competitividade laboral e a toma de decisións. O obradoiro está dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos e desenvolverase o venres 10 no Pazo da Peregrina a partir das 8:00 horas.
En novembro: Santa Icía, Festa do magosto e Gala do deporte Municipal
No mes de novembro continúa a programación teatral. O venres 7, NNC Teatro porá en escena na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra “Santa Perpetua”, dirixida a público adulto. Unha semana máis tarde, o día 14, a compañía EscénaTe porá en escena “Un juguete para Margarita”, obra dirixida a nenos e nenas de 5 a 12 anos da que se farán dúas representacións, unha sesión para escolares pola mañá e otra ás 18:30 dirixida a público infantil. No canto do teatro, remata o mes coa actuación do Grupo Municipal de Ames que, o venres 28, na Casa da Cultura de Bertamiráns porá en escena a obra “Tromparia”.
Tamén durante este mes a música será protagonista. Celébrase a Santa Icia, patroa da música, e o concello ten en conta esta festividade tamén á hora de elaborar a programación. Así, o venres 21 a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a partir das 21:00 horas, a actuación de Odaiko Percusion Group con “Galicia on Board”. Por outra banda, o día 22, día propio de Santa Icía, ás 19:00 horas celebrarase o Concerto de Santa Icía que, organizado pola Antonio Santomil, co patrocinio da Deputación Provincial de A Coruña e a colaboración do Concello de Ames, xuntará á Coral Polifónica Atalaia de Laxe, Grupo de Música Tradicional Arnela de Carral e Coral Polifónica de Bugallido.
Ademais a programación do mes de novembro en Ames inclúe dous clásicos. Por unha banda celebrarase a tradicional Festa do Magosto que este ano se será en Bertamiráns e para a que se está elaborando un amplo programa que inclúe as actuacións da Requinta da Laxeira e da Requinta da Maia e un obradoiro de xoguetes sonoros e instrumentos que leva por título “Xoguetes vellos... parta tempos novos” e que organiza a Asociación educativa cultural Musicrearte. Ademais a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a IX Gala do Deporte Municipal.
En decembro Festival de Maxia, obradoiros, teatro e moitas actividades para a infancia
Con outro clásico comeza a programación cultural e deportiva de Ames o mes de novembro. Abarajar Producciones organiza a fin de semana do sábado 13 de decembro e o domingo 14, o XII Festival de Maxia que se desenvolverá tanto en Bertamiráns, como no Milladoiro e que traerá unha chea de actividades ao concello que, sen dúbida, fará as delicias dos rapaces e rapazas de Ames. Ademais o sábado día 13 a Aula da Natureza organiza un obradoiro de encaixe natural, elaborado con follas secas no que poderán participar os nenos e nenas que o desexen e que teñan maís de 5 anos.
Programación de Nadal
O Nadal comezará en Ames co tradicional Concerto de Nadal que xuntará a partir das 21:00 do venres 19 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro ás corais do concello. O luns 22, a Casa de Cultura de Bertamiráns acollerá a actuación do grupo As Driadas que porá en escena “Ale-Hop”. Previamente pola mañá, entre as 11:00 e as 12:30 horas organízase un obradoiro de danza moderna dirixido a mozos e mozas. O martes 23, a Casa de Cultura de Milladoiro acolle a partir das 17:00 e dirixido a público familiar o espectáculo de pompas “Maggic Bubble”. O venres 26, Pablo Díaz e a Banda pon en escena o espectáculo musical “Toc toc abre a porta aos pequechos”. Para o luns 29 está previsto un espectáculo de maxia que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ´´as 17:00 horas e do que se encargará o mago Dani García. O martes 30 os nenos e nenas a partir de 3 anos poderán gozar na Casa de Cultura de Bertamiráns da obra “Osuiño” que porá en escena a compañía Trompicallo. Cómpre salientar tamén que o Concello porá en marcha un ano máis o Concurso de Cartas de Nadal e o programa de conciliación da vida laboral e familiar Nadal Lúdico.
Por outra banda, a programación cultural e deportiva do concello de Ames para este trimestre inclúe o obradoiro de lingua e cultura galegas “En galego con teu acento”, dirixido ás persoas de fóra de Galicia residentes en Ames que se desenvolverá no Pazo da Peregrina do 14 de outubro ao 14 de novembro e na Casa da Cultura do Milladoiro desde o 17 de novembro ao 19 de decembro; o concurso radiofónico de Teatro Lido “Desata a lingua!”, cuxos destinatarios son os alumnos e alumnas de 2º ciclo da ESO e Bacharelato e un curso Teórico-Práctico de Iniciación á Astronomía que impartirá o Observatorio Astronómico Ramón María Aller en colaboración co Concello de Ames.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames cierra el programa de actividades de este año con más de 30 propuestas"
El Correo Gallego: "Teatro, música y cultura hasta despedir el año 2014 en Ames"




